Ao abeiro do proxecto piloto 'Voces de cambio' que comezará co novo curso
A Unidade de Igualdade formará o alumnado da UVigo contra o acoso sexual e por razón de sexo
Unha decena de centros dos tres campus participarán na iniciativa
Sensibilizar e capacitar ao estudantado da Universidade de Vigo para identificar e comprender as violencias machistas no contexto universitario, con especial atención ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo é un dos dous obxectivos do proxecto piloto Voces de cambio que arrancará no mes de setembro co inicio do novo curso. A segunda das súas finalidades é, como explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez, “dotar ás persoas participantes de ferramentas prácticas para actuar como axentes de cambio, promovendo actuacións preventivas, de apoio e derivación axeitada en situacións de violencia machista, tanto presenciais como en contornas dixitais”.
Unha decena de centros dos tres campus da UVigo: as facultades de Historia; Educación e Traballo Social e de CC Empresariais e Turismo de Ourense; Fisioterapia en Pontevedra e de CC Económicas, CC do Mar e CC Xurídicas e do Traballo, ademais das escolas de Telecomunicación e Enfermaría de Povisa e do Meixoeiro de Vigo, participarán nesta iniciativa, que se desenvolverá entre o 8 de setembro e o 31 de outubro.
Destinado ao alumnado de 1º ou 2º curso
Cunha duración dunha hora e media, o alumnado de 1º e 2º curso de grao que desexe participar no proxecto, asistirá a un obradoiro impartido pola traballadora social, formada da UVigo e co apoio da Unidade de Igualdade, nun obradoiro centrado na formación e sensibilización fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, así como na aplicación práctica do novo protocolo recentemente aprobado polo Consello de Goberno da UVigo. “O alumnado que participe no obradoiro converterase en axente clave para apoiar outras compañeiras e compañeiros na detección de situación de acoso sexual e por razón de sexo, así como na loita contra estas violencias a través das canles establecidas no protocolo da UVigo”, detalla Yolanda Rodríguez. Entre 40 e 45 estudantes participarán en cada obradoiro, aínda que se se supera este límite poderían organizarse dúas formacións simultáneas.
Este proxecto piloto é unha das medidas recollidas no convenio asinado entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a UVigo para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2025, concretamente no ámbito da sensibilización e a prevención.
