No seu almanaque para o vindeiro ano repasa “mundos alternativos que cómpre recuperar”
A Unidade de Igualdade propón un 2026 de utopías feministas para construír un mundo mellor
O calendario está dispoñible en papel e en formato pdf
Nun contexto social no que o feminismo e a igualdade están sendo cada vez máis cuestionados dende determinados sectores extremistas, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo decidiu poñer o foco nas utopías como actos de rebeldía. Para iso, o seu almanaque de 2026 repasa, mes a mes, escenarios nos que non existe a desigualdade de xénero.
Como se detalla no prólogo do calendario, “nestes tempos, a distopía semella cada vez máis real, condicionando como vemos e habitamos un mundo inxusto e invisible para a maioría”. E é neste contexto, no que a Unidade de Igualdade aposta por “imaxinar mundos mellores” como “un desexo humano ancestral, ás veces individual, outras colectivo”. Para iso, cada mes o almanaque permite achegarse a libros como El tiempo de la promesa, de Marina Garcés; Rebeldes periféricas del siglo XIX, de Ana Muiña; ou Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas en 2026, así como Borradores del futuro. Historias y fabulaciones sobre mundos posibles, de Idoia Zabaleta, Ixiar Rozas e Arantxa Mendiharat.
Pero ademais de recomendacións literarias, ao longo das páxinas do almanaque tamén se poden coñecer as críticas feministas ás utopías clásicas a través da adaptación libre á ficción sonora da novela Las hijas de Egalia, de Gerd Bratenberg, feita por Sangre Fucsia. Tamén se reflexiona sobre a xenealoxía do pensamento utópico igualitario grazas ao filme O soño da sultá, de Isabel Herguera ou sobre os soños e desafíos feministas do presente a través do documental The Punk Singer, de Sini Anderson.
Tamén hai espazo para Repensando el apocalipsis: un manifiesto indígena antifuturista, de Klee Benally (Diné); o podcast documental Las Raras; o filme Ellas en la ciudad, dirixido por Reyes Gallegos; o colectivo de creadoras dixitais pantube.tv; unha reflexión sobre desafíos e caminos abertos das utopías feministas a través do documental Hardly Working, de Total Refusal
A través de todos estes exemplos, dende a Unidade de Igualdade buscan recuperar unha “longa tradición de mundos alternativos” hoxe máis necesarios ca nunca polo “seu potencial reflexivo e subversivo” e citando a María Galindo en Los mundos que queremos, “a utopía está no acto de rebelarse, non no paraíso prometido». Convidan así a “saír desa linguaxe domesticada e falar de utopías” porque “se podemos imaxinar o fin do mundo, por que non o fin da desigualdade de xénero?”
As persoas interesadas en ter un exemplar do almanaque poden solicitalo nas conserxerías ou ben descargalo en formato pdf na web da Unidade de Igualdade.
