DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez estudantes colaboraron este domingo en Vigo coa VI Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple

As unidades de voluntariado de Fisioterapia prestaron máis de 500 asistencias nos últimos meses

Desenvolveron tamén charlas sobre prevención de enfermidades laborais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/10/2018

Unha oportunidade para poñer en práctica, con casos reais, os coñecementos adquiridos na súa formación académica é o que supón para o alumnado de Fisioterapia a participación nas unidades de voluntariado coas que a facultade colabora con diferentes actividades e eventos deportivos. Dez alumnos e alumnas da titulación colaboraron este domingo coa IV Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple que a asociación Avempo desenvolveu en Vigo e preto de 50 teñen tomado parte nesta iniciativa nos últimos meses, nos que as e os estudantes atenderon a máis de 500 participantes en diferentes eventos deportivos. 

Ademais de nesta carreira solidaria, as unidades de voluntariado que coordina a profesora Yoana González tamén participaron, a semana anterior, no Medio Maratón Cidade de Pontevedra, ao que tamén se sumaron dez estudantes como voluntarios e voluntarias. Así mesmo, o alumnado da facultade tamén colaborou no que vai de curso no IV Triatlón Desafío Islas Cíes, celebrado o 23 de setembro, na II Marcha Contra o Cancro de Pontevedra, que tivo lugar no 7 de outubro, e no sétimo Torneo Internacional de Tenis Júnior de Pontevedra, que se desenvolveu entre o 7 e o 14 de outubro. A estas citas súmanse así mesmo a participación das unidades de voluntariado, en agosto, no Marisquiño de Vigo e a colaboración, a finais de xuño, de preto de 20 estudantes co Campionato de España de Baloncesto Infantil Feminino, celebrado en Pontevedra. En total, sinala González, “atendéronse a máis de 500 participantes”, grazas á participación, no conxunto destas unidades, de preto de 50 alumnos e alumnas, que en moitos casos “tenden a repetir” participación e sumarse a novos eventos.

Achegamento á fisioterapia na empresa

Moitas destas unidades participaron en eventos cos que a facultade vén colaborando desde hai anos, mais nas últimas semanas esta iniciativa achegouse tamén por primeira vez ao Safety Day que promoveu a empresa BorgWarner. A pasada semana, estudantes da titulación acudiron á planta desta multinacional con preto de 600 traballadores para impartir un coloquio “sobre a seguridade laboral e a ergonomía como método preventivo de enfermidades laborais”, dirixido tanto ao persoal de oficina como de fabricación, tendo en conta “as particularidades de cada posto de traballo”, explica González, quen salienta tamén a “boa aceptación” que esta iniciativa recibiu tanto por parte dos traballadores como da empresa.

“Foi unha actividade diferente, porque o normal é atoparte con lesións, non previlas”, sinala Alba Caamaño, unha das tres alumnas participantes nunha iniciativa que buscaba nese senso “concienciar á xente respecto das posturas que debían adoptar para non sufrir lesións posteriormente”. Nese senso, a actividade dirixiuse tanto ao persoal que traballa con cargas, co que incidiron na “importancia do cambio de rol para que, por exemplo si levas dúas horas levantando caixas, cambiar para facer un movemento diferente”; pero tamén un percorrido polas oficinas para abordar cuestións “como a postura correcta para traballar ou a altura da pantalla e das mesas”. 

Pacientes reais con lesións reais

Mais á vez que incide no interese dunha actividade que contribuíu tamén a incidir “na importancia do que é un fisioterapeuta para unha empresa”, Caamaño tamén recoñece que prefire “a experiencia a pé de campo” que supuxo para ela colaborar con diferentes probas deportivas a través destas unidades. “A min interésame bastante a fisioterapia deportiva e estas actividades ensínanche bastante, xa que na facultade non ves lesións reais ata chegar a cuarto”, cando se levan a cabo as estancias clínicas, explica esta alumna, que incide no positivo dunha actividade “na que, dependendo da proba, ves cousas diferentes”, desde sobrecargas musculares ou escordaduras a tiróns musculares ou golpes. Nese senso, as asistencias que estes alumnos e alumnas prestan nas diferentes probas, baixo a coordinación dun profesor ou profesora do centro ou dun profesional, como foi o caso deste domingo, onde a coordinación da unidade que participou na Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple correu a cargo do fisioterapeuta de Avempo, abranguen tamén deportistas de diferentes perfís e idades, como lembra González, xa que entre as últimas colaboracións figuran tanto “deportistas profesionais como amateurs”, xunto con probas como a deste domingo, ás que se suman tamén “xente que colabora coas causas e persoas afectados por estas patoloxías”.