A profesora e vicerreitora foi recoñecida co premio á excelencia e compromiso
A Unión Profesional de Galicia recoñece a traxectoria de Eva María Lantarón no eido da fisioterapia
A entidade agrupa 44 colexios profesionais da comunidade
A Unión Profesional de Galicia, entidade que agrupa 44 colexios profesionais, recoñeceu a traxectoria da profesora da Facultade de Fisioterapia e vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, como unha das gañadoras dos Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2025, a proposta do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga). “Para min é un estímulo para seguir contribuíndo ao desenvolvemento da fisioterapia desde diferentes ámbitos”, recoñecía Lantarón, tras recibir nos últimos días a placa e diploma acreditativo destes premios, que recoñecen profesionais de diferentes ámbitos.
Lantarón puña de relevo o “valor simbólico” dun recoñecemento que xorde a proposta da Cofiga e que recibe como “unha mostra tanxible do aprecio e a valoración por parte do colexio profesional”, que define como unha institución "fundamental na regulación e promoción da nosa disciplina". Neste punto, recoñece que “o maior premio é o recoñecemento á miña traxectoria e o pulo que isto me brinda para seguir contribuíndo ao desenvolvemento e á difusión da fisioterapia”. Promovidos por unha entidade que agrupa 44 entidades que suman, no seu conxunto, máis de 85.000 colexiados e colexiadas, trátase duns galardóns fallados no mes de maio e que neste caso foille outorgado a raíz da candidatura proposta polo Cofiga, na que destacaba a traxectoria de Lantarón como “un exemplo excepcional de excelencia, liderado e compromiso coa fisioterapia, a investigación e a mellora da calidade de vida das persoas”.
Investigación, transferencia e xestión
Nesta proposta, o colexio profesional resaltaba, entre outras cuestións “a súa especialización en fisioterapia respiratoria e drenaxe linfática manual”, así como o seu labor en materia de investigación, divulgación e transferencia do coñecemento, como mostras dun “incesante esforzo por xerar coñecemento e mellorar a práctica clínica”. O Cofiga destacaba neste punto as contribucións científicas da investigadora principal do grupo FS1, como 56 artigos en revistas científicas internacionais, 27 capítulos de libro e 92 comunicacións en congresos, así como o feito de que o seu labor investigador estea centrado en cuestións “de grande impacto para a sociedade”, coma “o tratamento do linfedema en mulleres pos-masectomía, a diástase abdominal e a incontinencia urinaria masculina e feminina”, entre outras.
A este respecto, a galardoada subliña que “ademais da práctica asistencial, a investigación en fisioterapia é un piar fundamental para o avance da nosa profesión”, incidindo na súa importancia para “xerar coñecemento sólido, promover a innovación en técnicas e tratamentos e fundamentar as nosas intervencións en evidencia científica”. Trátase, engade, dun ámbito “que require de maior apoio e difusión, xa que o seu desenvolvemento contribúe directamente a mellorar a calidade de atención” á cidadanía por parte das e dos profesionais, así como “á consolidación da fisioterapia como unha disciplina científica e de referencia no ámbito da saúde”.
O Cofiga salientou tamén a súa contribución ao “desenvolvemento académico e á visibilidade da fisioterapia no ámbito universitario”, lembrando a súa traxectoria como decana da Facultade de Fisioterapia e como presidenta da conferencia de decanos e decanas de España, así como á fronte da Vicerreitoría do campus.
