Logo de vencer na final ao equipo da Universidad de Zaragoza
A Universidad de Salamanca gañou o IV Torneo Nacional de Retórica da UVigo
Os integrantes da Asociación de Debate Universitario de Salamanca (ADUSal), Cyan González e Andrea Machuca, alzáronse coa vitoria na final do IV Torneo Nacional de Retórica da UVigo. Os representantes da Universidad de Salamanca debateron durante oito rondas sobre a pregunta Favorece o auxe das microidentidades a cohesión social?, defendendo, tanto a postura a favor, como en contra. Tras superar nos cuartos de final á Universidade Pontificia de Salamanca, disputaron a semifinal contra a Universidad Pontificia de Comillas e a final fronte ao equipo da Universidad de Zaragoza (ADUZ).
No torneo disputado o 13 e 14 de febreiro na Facultade de Comercio e na sede da Deputación Provincial en Vigo, enfrontáronse 16 equipos de institucións académicas de toda España.
Mellor orador e 'Dream Team'
A Asociación de Debate Universitario de Salamanca, ademais dunha praza para a final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), recibiu un premio económico de 500 euros, outorgados por Retórica. Pola súa banda, o premio ao Mellor Orador foi para Iván Nogués, da Unviersidad de Zaragoza; mentres que o mellor Dream Team do torneo foi o integrado por Cyan González (ADUSal), Carla Mérida e Mirian de Alba (Nebrija) e Pablo Cartañá (ADUZ).
En canto ao papel desempeñado polo equipo da Asociación de Debate Retórica UVigo, as e os seus integrantes sinalan que “sempre utilizamos o torneo de Vigo para que se estreen novos debatintes e cremos, que a aínda que quedamos na fase de grupos, tiveron un gran desempeño, coñeceron como se vive un torneo nacional e agardamos que lles entrasen as gana de seguir debatendo como lles pasou aos máis veteranos cando comezamos”. Os integrantes do equipo da UVigo destacan ademais a presenza de antigos membros de Retórica, o que lle permitiu ás novas xeracións coñecer as antigas, “que un día estiveron onde están eles agora”, explican.
