DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para alumnado de grao, mestrado e doutoramento

A Universidade abre a convocatoria de axudas destinadas a evitar o abandono dos estudos por motivos económicos ou familiares

O prazo de entrega de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 19 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 01/06/2020

Co obxecto de atender as necesidades do alumnado matriculado na Universidade de Vigo que presenta circunstancias económicas ou familiares que lle impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria abre a convocatoria de axudas ao estudo para aqueles alumnos e alumnas matriculados en programas oficiais de grao, mestrado ou doutoramento no curso 2019/2020.

A convocatoria comprende dúas modalidades. Por unha banda, axudas para aquelas persoas que non cumpriron os requisitos académicos ou económicos da bolsa do Ministerio e, por outra, unha axuda complementaria para persoas ás que si lla concederon pero están matriculadas en materias de segunda matrícula ou teñen concedido exclusivamente o importe de prezos públicos por non acadar a nota media esixida para obter o resto das contías. O orzamento total da convocatoria ascende a 90.000 € e a contía máxima da bolsa será establecida pola comisión de selección cos seguintes criterios: por unha banda, ata 2000 € atendendo a circunstancias como a necesidade de residir fora do domicilio familiar, ou que a renda familiar sexa inferior ao establecido para a contía ligada a renda na convocatoria xeral do MEFP; por outra banda, o importe dos prezos públicos por servizos académicos das materias matriculadas ata segunda matrícula, incluídos os importes dos recoñecementos unha vez realizadas as exencións e bonificacións do pagamento dos prezos ás que teña dereito a persoa beneficiaria.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro 19 de xuño. As persoas solicitantes deberán cubrir o formulario en liña dispoñible na web da Universidade e, unha vez cumprimentado, debe ser presentado na sede electrónica da Universidade de Vigo.

Requisitos académicos

Para poder optar a unha da axudas, o alumnado deberá cumprir con certos requisitos como estar matriculado nalgunha das titulacións que oferta a Universidade de Vigo no presente curso 2019/2020 nun mínimo de 45 créditos. Ademais, o alumnado que continúa cos seus estudos, deberá ter superado no curso anterior o 40% dos créditos matriculados nas titulacións de grao da rama de enxeñaría, o 50% no resto das titulacións de grao, o 70% nas titulacións de mestrado que habilitan para o exercicio profesional e o 80% no resto dos máster. Porén, exceptuaranse aquelas solicitudes cun número menor de créditos superados sempre e cando se xustifique o motivo, como enfermidade, coidado de familiares dependentes enfermos...

E requisitos económicos

No que se refire á economía familiar de cada solicitante, tamén hai varios requisitos necesarios para poder optar a unha das axudas. O primeiro factor a ter en conta son as rendas de todos os membros da unidade familiar, que non poden superar os limiares de 13.236€ para familias dun membro, 22.594€ para familias de dous, 30.668€ para aquelas compostas por tres, 36.421€ para as de catro, 40.708€ para as de cinco, 43.945€ para as formadas por seis, 47.146€ para as de sete membros e 50.333€ para as de oito. A partir do oitavo engadiranse 3181€ por cada novo membro computable. A maiores, tamén será necesario ter en conta o patrimonio familiar, que non pode superar certos límites como que a suma de rendementos netos reducidos de capital mobiliario máis o saldo neto positivo de ganancias e perdas patrimoniais non supere os 1700 € ou que a suma de valores catastrais das fincas urbanas pertencentes á unidade familiar, excluída a vivenda habitual, non supere os 42.900€.

Os beneficiarios dunha bolsa MEFP non precisan presentar a documentación

En canto á documentación, o alumnado que sexa beneficiario dunha bolsa MEFP non precisa presentala. Porén, o resto dos solicitantes deberán presentar a TIE de todos os membros computables da unidade familiar que residan en España, incluída a persoa solicitante xunto coa documentación acreditativa das situacións que afecten á composición da unidade familiar. Ademais disto tamén será necesaria a documentación acreditativa das situacións que dan dereito a dedución no cálculo da renda como o título de familia numerosa, a acreditación de orfandade absoluta... e tamén diferentes documentos en relación coa declaración da renda en caso de ter obriga de presentala.