DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

A Universidade abre as portas dos seus laboratorios ás científicas e tecnólogas do futuro

Máis de 250 rapazas de ensino secundario participaron en múltiples obradoiros no campus e na Ecimat

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/02/2020

Obradoiros de robótica, de programación, de videoxogos, experimentos de todo tipo no Centro de Investigación Biomédica e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, e mesmo unha pequena presentación do UM19, o monopraza deseñado pola escudaría UVigo Motorsport co que compiten en circuítos reais de Fórmula 1... A Universidade abriu este martes 11 de febreiro as portas dos seus laboratorios a máis de 250 alumnas de ensino secundario e bacharelato e celebrou con elas o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.  Baixo o título xenérico Elas fan CienTec 2020, as científicas e enxeñeiras da UVigo puxéronse mans á obra para transmitirlle a estas mozas a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía, coa ilusión de ir espertando nelas o desexo de dedicarse a algunha destas tarefas no futuro.

Houbo actividades nas tres escolas de enxeñaría do campus, no Cinbio e tamén na Ecimat e, en cada un destes lugares, organizáronse para elas diferentes actos de benvida, nos que participaron as coordinadoras dos obradoiros  e diferentes responsables universitarias como a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Elena Alonso, ou a responsable da Área de Investigación, Ana Bernabeu. Todas tentaron transmitirlle unha mesma idea: a ciencia e tecnoloxía son útiles para a sociedade, son algo divertido e, “como non podía ser doutra maneira” é algo que está ao alcance das súas posibilidades.

 “Trátase de que vexan como se traballa nos nosos laboratorios”

Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiunas a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a profesora Soledad Torres, coordinadora dos obradoiros neste centro. “Trátase de que vexan como se traballa nos nosos laboratorios, tanto nos científicos como nos tecnolóxicos, para animalas a que opten por orientar a súa formación a todo o ámbito das STEM, xa que no futuro caso o 90% dos traballos van a pertencer a estes ámbitos e, se as mulleres non estamos, a fenda económica e salarial vaise seguir incrementando cada vez máis”, explica a responsable de Igualdade, que fixo fincapé en que detrás desta situación seguen a estar os estereotipos de xénero, “moi presentes tanto nos medios de comunicación como nas redes, principais ámbitos nos que se desenvolve a socialización das adolescentes, pois aínda que desde os centros educativos se lancen outras mensaxes é moi complicado compensar e contrarrestar todo o que lles chega a través das series de televisión, onde as mulleres e os homes se presentan de xeito tan estereotipado e tan pernicioso para elas”.

“O problema que temos agora mesmo é que as rapazas non lle gustan estas carreiras, non lles apetece involucrarse en profesións que teñen que ver con ciencia e tecnoloxía”, comentoulles Soledad Torres, enxeñeira de telecomunicación especializada no tratamento dixital de sinais, quen leva xa varios anos implicada na celebración desta data. Na súa presentación ante un grupo de 35 alumnas do IES Castelao de Vigo, Torres subliñou a relevancia dunha situación que, de non solucionarse, seguirá a provocar que vivamos nunha sociedade cada vez menos igualitaria. “Se só temos a un tipo de persoas escribindo programas a ordenador o máis probable é que só sexan útiles e só resolvan os problemas dese tipo de persoas, e o mesmo acontece coas persoas que se encargan deseñar as aplicacións para móbiles, se son eles quen as deseñan deseñarán apps de interese para eles, non para vós”, subliñoulles a docente, quen na organización desta xornada conta coa implicación de 10 alumnas de 3º e 4º de carreira que colaboran como monitoras. 

Seguindo o exemplo das alumnas que están a piques de graduarse

“Queremos que vexan que na EE de Telecomunicación hai moitas máis alumnas do que a priori pode parecer”, comentaba Mónica Loureiro, unha destas alumnas-monitoras intres antes de iniciar o obradoiro de programación de robots Lego. “Eu estou a piques de acabar a carreira e o certo é que me alegro moito de ter elixido esta titulación, por iso quixen tamén colaborar nesta iniciativa”, recalcou. Entre as súas ‘alumnas’ de obradoiro estaban Paula Estévez e Uxía Prieto, que se amosaron moi contentas de poder participar nesta iniciativa. “De momento aínda non sabemos ben a que nos gustaría dedicarnos no futuro, pero pode que isto sexa unha opción”, recalcaron case a coro. 

Nos obradoiros da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía participaron 52 alumnas do IES Alexandre Bóveda de Vigo e na Escola de Enxeñería Industrial 48 do IES Pedro Floriani de Redondela. Entre os dous centros organizaron outros seis obradoiros cos que as alumnas tiveron a oportunidade de facerse unha idea do tipo de traballos que se levan a cabo nestes centros e que inclúen dende identificación de minerais e materiais, ata cuestións relacionadas con termografía infravermella, deseño e impresión 3D ou robótica colaborativa.

“As mulleres teñen moito que achegar e moito que dicir”

As actividades do ámbito científico concentráronse no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No Cinbio celebráronse seis obradoiros nos que se abordaron cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo... Participaron medio cento de alumnas do IES Val do Tea de Ponteareas e, antes de arrancar cos obradoiros, asistiron a unha pequena charla inaugural a cargo da profesora Amelia Verdejo, moi reivindicativa respecto á concienciación en temas de igualdade. “As mulleres teñen moito que achegar e moito que dicir”, subliñáronlle Belén Vaz e Verónica Salgueiriño, coordinadoras dos obradoiros no Cinbio, que recalcaron tamén que todas as profesoras, científicas e estudantes involucradas nos talleres son mulleres.

No caso da Ecimat, organizouse unha pequena conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e unha visita guiada á que asistiron 40 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato de Bioloxía e Cultura Científica do IES Vilalonga.