DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20.117 persoas están matriculadas en todas as titulacións que se imparten na institución  

A Universidade acada este curso un 98% de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso 

Reigosa reiterou a súa oposición á universidade privada porque “Galicia non ten esa necesidade”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/12/2019

“A verdade é que estamos mellor do que esperabamos porque como é sabido hai unha caída de ingreso de alumnos de novas titulacións ao longo dos anos, unha caída lixeira pero sostida. Ademais este ano había menor número de alumnos en disposición de acceder ás probas da  ABAU e non obstante, cubrimos máis prazas que o ano anterior. Temos unha porcentaxe de ocupación lixeiramente superior é dicir, estamos aguantando ese tirón”. Nestes termos valora Manuel Reigosa que a Universidade de Vigo acadase este curso 2019-2020 un 98% de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso, unha cifra que foi dada coñecer este mediodía polo reitor e pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, nunha rolda de prensa, na que se presentaron os datos de matrícula deste curso, no que un total de 20.117 persoas cursan algunha das titulacións que se imparten na institución académica viguesa.

Na súa comparecencia ante os medios, Reigosa tamén se referiu á oposición manifestada no Consello Galego de Universidades celebrado nas últimas horas polos reitores do SUG, a que Abanca poña en funcionamento a primeira universidade privada de Galicia. “No plano técnico a proposta de Abanca non cumpre coa complementariedade e subsidiariedade co sistema público e por iso votamos en contra”, asegura o reitor vigués, que sinala ademais que tendo en conta a fortaleza da universidade pública galega e a baixada da natalidade que se rexistra, “Galicia non ten necesidade dunha universidade privada”. Reigosa tamén destacou na súa intervención o traballo que desde a Universidade de Vigo se está a realizar cara á próxima implantación dos graos en Deseño e Creación, en Relacións Internacionais e do dual en Tecnoloxía da Automoción, así como para garantir a continuidade dos graos en Enxeñaría Agraria, Enxeñaría Forestal, Dirección e Xestión Pública e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

Unha universidade que segue a ser atractiva para o alumnado 

Natalia Caparrini foi a encargada de debullar os datos de matrícula, tanto de nova incorporación, como os globais do curso 2019-2020, no que a Universidade de Vigo superou nun punto a taxa de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso, respecto do curso pasado, pasando do 97% ao 98%. Así, do total de 3749 de prazas de novo ingreso en titulacións de grao ofertadas cubríronse 3685, das que 1979 corresponden ao campus de Vigo, 887 a Ourense e 819 a Pontevedra, que acadaron taxas de ocupación do 97%, do 98% e do 104%, respectivamente. En canto á distribución de persoas matriculadas por sexo, 1962 son mulleres (53,24%) e 1723 (46,75%) homes. Pola súa banda, os programas universitarios sénior e sénior superior sumaron 87 estudantes de novo ingreso (63 mulleres e 24 homes).
Continuando coas matriculacións de novo ingreso, no caso do mestrado incorporáronse este curso 1253 persoas nas 1689 prazas ofertadas (74,19% de taxa de ocupación), das que 726 son mulleres e 527 homes. No caso dos programas de doutoramento o número de persoas matriculadas ascendeu a 278, cunha taxa de ocupación do 52,55%. Do total de matriculados, 150 son mulleres e 128 homes.

En canto aos datos globais de matrícula rexistrados este curso, o total de estudantes que cursan algunha das titulacións que se imparten na Universidade de Vigo é de 19.521, que ascende a 20.117 se se inclúen as 596 persoas que cursan os programas universitarios sénior. Dos 19.521 matriculados, 10.816 (55,40%) cursan estudos en Vigo; 4683 (23,98%) en Ourense e 4022 (20,60%) en Pontevedra. Do total, 10.115 (51,81%) son mulleres e 9406 (48,18%) homes. 
Tras avanzar que en vindeiros anos se rexistrará un pequeno incremento no número de estudantes en disposición de acceder á universidade, ao que seguirá unha caída profunda por mor do descenso da natalidade, Reigosa sinalou que “agora a Universidade segue a ser atractiva e estamos especialmente satisfeitos ante un ano de especial dificultade como este, ter unhas cifras lixeiramente superiores a anos anteriores”, asegurou o reitor.

Oposición á implantación dunha oferta repetitiva 

En relación coa sesión do Consello Galego de Universidades celebrado onte no que se emitiu un informe favorable ao anteproxecto para a implantación en Galicia da primeira universidade privada promovida por Abanca, Reigosa reiterou a súa oposición á proposta, asegurando que “non cumpre o papel de complementariedade e subsidiariedade co sistema público que está implantado. Razón pola que os reitores votamos en contra”. O reitor vigués defendeu a fortaleza do Sistema Universitario Galego, asegurando que “somos quen entre as tres universidades de axustar a nosa oferta á demanda dos galegos que queren estudar no sistema público, que é máis económico e igualitario”, ao tempo que incidiu que no proxecto presentado por Abanca hai algunhas titulacións repetitivas “e non ten sentido implantar unha universidade nova que fai unha oferta repetitiva”.

O reitor da Universidade de Vigo lembrou que aínda queda unha longa tramitación deste proxecto e que despois de que os reitores manifestasen a súa oposición, “non cómpre ir máis aló e deberán ser os representantes da cidadanía os que teñan que tomar unha decisión, no seu caso no Parlamento de Galicia, se é que chega ao Parlamento”, dixo Reigosa. 

Novas titulacións para dar resposta ás necesidades da sociedade

As novas titulacións e as modificacións ás que serán sometidas aqueles graos que non acadan a matrícula establecida, tamén foron obxecto de análise por parte do reitor. Reigosa confirmou que no caso do Grao en Relacions Internacionais, que se impartiría entre as universidades de Vigo e Coruña, se está a traballar para intentar implantalo o vindeiro curso, o mesmo que o Grao dual en Tecnoloxía da Automoción, “aínda que neste caso ten a dificultade adicional da implicación das empresas”. En canto aos graos que segundo o decreto 222/2011 están en risco por non acadar o mínimo de 50 matriculados nos campus centrais e de 45 nos non centrais, Manuel Reigosa sinalou que, se ben ese decreto tiña unhas cifras que podían ser axeitadas cando a universidade galega acadaba un número enorme de estudantes, “hai que darlle unha pensada, porque non ten moito sentido nesta baixada de natalidade que os números sexan tan grandes”.

Neste sentido, Reigosa lembrou que das titulacións que presentaban dificultades na Universidade de Vigo practicamente todas foron atopando unha solución. Mención especial fixo o reitor do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, lembrando que despois de que a Xunta puxese pegas á proposta realizada hai uns meses pola Facultade de Filoloxía e Tradución, en breve terá lugar unha reunión coa Consellería para seguir pulindo diferentes aspectos. “Persoalmente non me parece que unha universidade galega de calidade poida deixar de lado dúas titulacións como as filoloxías galega e castelá que están dentro dese grao, polo que haberá que mudar cousas para ver se neste curso somos quen presentar unha proposta que recolla os coñecementos que quero para a miña universidade de galego e castelán”, dixo o reitor. Cara o futuro, Reigosa avanzou que o vindeiro ano se comezará a traballar nun novo mapa de titulacións "que dea resposta á sociedade".