DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O auditorio municipal do Areal acollerá cinco pases da serie ‘Docs del mes’

A Universidade achega ao público vigués unha proposta regular de cine documental 

Coa colaboración do Concello, entre os meses de marzo a xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 26/02/2019

Co obxectivo de achegar o cine documental ao máximo número de espectadoras e espectadores e abrilo a novos públicos, a Universidade de Vigo amplía a programación da serie Docs del mes a Vigo e Ourense, que se suman á cidade de Pontevedra, onde a actividade se desenvolve desde o ano pasado, man da Vicerreitoría do campus. En total son cinco as proxeccións previstas no auditorio municipal da rúa Areal de Vigo, que se suma así á iniciativa de DocsBarcelona, posta en marcha no ano 2004 e da que desde 2007 se encarga a compañía Parallel 40, e que na actualidade se está a desenvolver en máis de 70 salas de España e América Latina.  

As proxeccións, que se desenvolverán entre os meses de marzo a xuño entre as 19.00 e as 20.30 horas, comezarán o vindeiro 7 de marzo co pase de Ouaga girls, da directora sueca e de Burkina Faso, Therese Traoré Dahlberg. O 2 de abril proxectarase Bobbi Jene, da realizadora danesa Elvira Lind e o 25 de abril será a quenda de Namrud do director español Fernando Romero. As proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, continuarán os días 30 de maio e 20 de xuño con documentais aínda por determinar.

Unha descrición poética do que é ser muller e nova en Burkina Faso 

Uagadugú, a capital de Burkina Faso, é o escenario no que un grupo de mozas estudan para se converter en mecánicas de coches. Nun país cun paro xuvenil que supera o 50%, Ouaga girls é unha inspiradora historia sobre as eleccións que se toman na vida, nun momento no que se produce a complicada transición da adolescencia á vida adulta. Con este documental, o primeiro de longa metraxe da súa directora Theresa Traoré Dahlberg, comezará o vindeiro 7 de marzo o ciclo Docs del mes en Vigo.

Outra historia con protagonista feminina e dirixida por unha muller, tomará a remuda de Ouaga girls o 2 de abril. Ese día proxectarase Bobbi Jene, traballo da realizadora Elvira Lind, que toma o seu título do nome da súa protagonista, a bailarina Bobbi Jene, que tras unha década de éxito e fama en Israel decide regresar a Estados Unidos  a traballar de xeito independente. Na súa segunda película documental, Lind amosará a loita dunha muller por manter a súa independencia, volvendo a un país e a unha familia con fortes conviccións católicas, que deixou atrás hai anos.

O 25 de abril chegará á pantalla do auditorio municipal da rúa Areal, Namrud, ópera prima do realizador sevillano Fernando Romero, formado en Austria e Israel, onde traballou con músicos palestinos como director e produtor dos seus vídeos musicais. Namrud, nome que alude ao personaxe bíblico que construíu a Torre de Babel, achegará ás e aos espectadores a historia de Jowan Safadi, famoso e controvertido músico palestino-israelí, que coa súa banda Fish Samak escribe cancións críticas coa sociedade e nas que aborda temas considerados tabú no mundo árabe.
 
Programa completo