DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Capacitan para postos de traballo como programador de software ou consultor TIC

A Universidade alíase co Clúster TIC e Abanca para lanzar cursos de formación 100% gratuítos

As tres entidades colaboraban xa nun posgrao de Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 21/04/2020

A alianza estratéxica entre a Universidade de Vigo, Cluster TIC Galicia e Abanca, xunto coa colaboración das empresas Imatia Innovation e Bysidecar, acaba de permitir o lanzamento de Campus Dual, unha iniciativa pioneira e innovadora dirixida a dotar á comunidade autónoma galega dunha canteira de talento laboral no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, converténdose así nunha nova fonte de desenvolvemento social.

Vinculado ás actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital da Xunta, ao que está adherido o Clúster TIC, e coa incorporación de Abanca, este programa trata de axudar a paliar a grave situación económica creada pola COVID-19, pondo enriba da mesa toda unha serie de cursos formativos totalmente gratuítos e que capacitan para traballar no sector TIC. Estas iniciativas formativas están abertas tanto a estudantes de Formación Profesional e universitarios/as que están acabando os seus estudos e non contan cunha empresa onde realizar as prácticas que necesitan para iniciar a súa incorporación laboral, como a persoas con experiencia profesional que foran vítimas da ola de despidos provocada por esta crise, se ben, en ambos casos, as prazas son limitadas e efectuarase un proceso de selección.

Os cursos serán en liña e terán unha duración de 12 semanas

Os cursos terán unha duración de 12 semanas e organizaranse en grupos de nove estudantes, divididos en equipos de tres persoas que serán supervisados por programadores/as profesionais da spin-off da UVigo Imatia Innovation. Son programas formativos moi prácticos, similares aos que pode atopar un usuario ou usuaria nun posto de traballo, combinando sesións en grupo, aprendizaxe individual e traballo en equipo. Todo o traballo realizarase en remoto, aplicando metodoloxías áxiles e apoiándose nas plataformas de colaboración dixital e de formación en liña máis utilizadas nas empresas.

As tres entidades promotoras do Campus Dual levan meses colaborando na docencia do posgrao de Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, impartido na EU de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, na que titulados de Administración e Dirección de Empresas, Dereito e outras titulacións -sen apenas coñecementos previos en programación- estanse formando en empresas TIC de maneira remunerada e desenvolvendo proxectos reais, o que os capacita para poder cubrir postos de traballo como programador de software ou consultor TIC.

Abertos á incorporación de máis entidades

A incorporación de ABANCA, como aliado estratéxico, supón un gran respaldo e ratifica o seu apoio para potenciar un ecosistema de talento en Galicia. De igual forma, a empresa Bysidecar quixo unirse ao proxecto achegando o seu coñecemento e recursos no ámbito do marketing e venda dixital. Ademais, Campus Dual está en negociacións para incorporar en vindeiras datas a máis universidades e entidades, tanto públicas como privadas. Neste senso, as empresas poden propor novos programas formativos, participar no existentes e/ou facilitar a formación prácticas e, no caso das universidades, ademais de participar ou propor novos programas, teñen a porta aberta tamén a facilitar intercambios e estancias ou outorgar títulos compartidos nos seus campus.