DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Mª Concepción Campos asinaron esta mañá o acordo de colaboración

A Universidade alíase na súa loita pola igualdade real coa Asociación de Mulleres no Sector Público

En 2020 chegarán as primeiras accións conxuntas organizadas entre ambas entidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/12/2019

Conscientes de que a igualdade real é, polo de agora, un reto difícil de conseguir, pero sabedores tamén do importante papel que xoga o sector público como motor de impulso das políticas igualitarias, a Universidade de Vigo asinou este martes un acordo de colaboración coa Asociación de Mulleres no Sector Público, unha entidade posta en marcha hai apenas un ano pola inquietude dun grupo de mulleres empregadas públicas de diferentes ámbitos territoriais e sectores, dirixidas pola galega Mª Concepción Campos, dispostas a dar unha maior visibilidade ao talento e ao traballo que desenvolven, algo que consideran “fundamental para cambiar os modelos de xestión, así como para conseguir a modernización das administracións públicas”. 

 “Estou seguro de que este acordo que asinamos hoxe vai ser moi positivo para ambas institucións”, salientou tras a sinatura o reitor, Manuel Reigosa, quen fixo fincapé na necesidade de que as institucións públicas dean exemplo para que tamén desde a empresa privada se empecen a implementar medidas que permitan que haxa unha certa igualdade, pois para conseguir a igualdade real, admitiu, “penso que, lamentablemente, aínda faltan moitos anos”. Nesta liña o reitor salientou a necesidade de aumentar as medidas de conciliación e de corresponsabilidade e de seguir dando pasos “para que desapareza o parón académico que se produce nas carreiras profesionais das mulleres polo tema da maternidade”, recalcou Reigosa, facendo fincapé en que a día de hoxe “é innegable que segue habendo unha penalización”. 

Desde a Asociación de Mulleres no Sector Público Mª Concepción Campos aclarou que xa se están a valorar a posta en marcha de diferentes accións conxuntas para 2020, adiantando que desde a asociación se decidiu xa a creación dun comité específico de universidades, “xa que este é un ámbito que ten a súa propia idiosincrasia e as súas propias problemáticas”. Neste senso,Campos, que asistiu acompañada por María Dapena, da delegación territorial en Galicia, comentou que nesta tarefa se agarda contar coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, “desde onde se están a levar a cabo iniciativas tan interesantes como a sala de lactación ou as diferentes medidas postas en marcha para axudar a que as mulleres investigadoras non sufran un parón na súa carreira académica polo tema da maternidade”.

Distintas iniciativas para conseguir máis conciliación, máis paridade

Entre as principais finalidades que se contemplan no acordo asinado este martes faise referencia a estudar e propoñer a modificación de normativas, instrucións, circulares e outros instrumentos internos para asegurar a presenza paritaria da muller en todas as comisións, comités e grupos de traballo que se constitúan. Ademais, tamén se prestará especial atención á promoción de medidas que melloren a conciliación familiar e persoal, tales como horarios e duración das sesións dos órganos colexiados e/ou reunións de traballo que lles permitan ás persoas traballadoras con fillas e fillos menores de 12 anos desenvolver a súa actividade profesional e/ou directiva.

Aumentar a presenza igualitaria en congresos, seminarios, foros, xornadas e comités é outra das medidas que se tentarán lograr a través desta alianza, alianza que prestará tamén atención ao estudo de posibles vías que faciliten a modificación da xornada laboral ás persoas traballadoras con cativos ao seu cargo, tendo en conta o seu dereito a solicitar modificacións na duración e distribución da xornada de traballo, así como á implantación do teletraballo.

Desde a Universidade tamén se promoverá a presenza da asociación en aqueles foros da Universidade nos que se leven a cabo accións a favor da igualdade, así como estudos, investigacións e proxectos que contribúan a esta finalidade.