DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución belga recoñece o labor investigador do profesor do CIC biomaGUNE e da UVigo

A Universidade de Amberes inviste a Luis Liz-Marzán como doutor honoris causa

É pioneiro na síntese e caracterización de nanopartículas metálicas plasmónicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Premios
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/03/2023

Dende a mañá deste xoves o investigador do Ikerbasque CIC biomaGUNE e catedrático da Universidade de Vigo Luis Liz Marzán é xa doutor honoris causa pola Universidade de Amberes. Nun acto ao que asistiu o reitor desta institución, Herman Van Goethem; o decano da Facultade de Ciencias, Gerrit Beemster e a profesora Sara Bals, impulsora da súa nominación, Liz-Marzán recibiu este recoñecemento concedido pola súa “experiencia na síntese, caracterización e aplicación de nanopartículas metálicas plasmónicas”. Segundo a profesora Bals, o catedrático da UVigo é “un pioneiro e un científico líder no seu campo” e a institución belga quixo poñer en valor as súas achegas no eido da detección precoz de enfermidades. 

Un recoñecemento a un pioneiro

Como destacan dende a Universidade de Amberes, Liz-Marzán é “recoñecido mundialmente como experto na aplicación de nanopartículas coloidales para nanoplasmónica. Foi un dos pioneiros na síntese coloidal e a caracterización de nanopartículas metálicas”. Destacan da súa traxectoria que se ten especializado principalmente no control da morfoloxía destas nanopartículas, o que permite optimizar as súas propiedades ópticas. Ademais, engaden, é  coñecido pola súa experiencia na auto ensamblaxe de nanopartículas e gran parte do seu traballo recente está relacionado coas aplicacións médicas das nanopartículas, como a administración controlada de fármacos e la detección precoz de enfermidades. A súa investigación interdisciplinar, recalcan, pode ter un verdadeiro impacto na sociedade e como indica a profesora Bals, “o que máis admiro de Luis é que ten sido quen de traducir a ciencia básica en avances reais en moitas áreas". 

Para o investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da UVigo, Cinbio, este é o seu primeiro recoñecemento como doutor honoris e recoñece, que ten “un significado un pouco diferente. Cando me dixeron que ía recibir un doutorado honoris causa da Universidade de Amberes, en primeiro lugar sorprendeume. Foi unha grande honra inesperada e tardei un tempo en darme conta do que significaba". Esta distinción, engade, “ten un valor moi especial, porque teño unha estreita relación de amizade e grandes compañeiros en Amberes. De feito, creo que a nosa frutífera colaboración durante os últimos dez anos xustifica a nominación e é unha das razóns para que se me conceda este título”, afirma.

De feito, na última década Liz-Marzan e a profesora Bals publicaron conxuntamente máis de 60 traballos nas mellores revistas deste eido, incluídas Science, Nature Materials, Proceedings of the National Academy of Sciences of USA, Nature Communications, Journal of the American Chemical Society, ACS Nano, Nano Letters, Advanced Materials, etc.

Na lista dos máis citados do mundo dende 2014

Presente na lista ISI Highly Cited Researcher de investigadores más citados do mundo ininterrompidamente dende 2014, o científico lugués conta con máis de 560 publicacións en revistas de alto impacto, cun índice H de 130 e máis de 90 publicacións clasificadas como artigos altamente citados por Essential Science Indicators. Ademais, é un dos contados investigadores europeos que conseguiu dúas ERC Advanced Grants consecutivamente, ambas relacionadas con aplicacións biomédicas de nanomateriais. A distinción recibida este xoves súmase a outras que lle foron concedidas previamente, como o Humboldt Research Award; a medalla da RSEQ; Blaise Pascal Medal in Materials Science; o Premio Rey Jaime I; Rhodia Prize da European Colloid and Interface Society; o Premio Nacional Enrique Moles en Ciencia y Tecnología Químicas; o Premio Fundación Lilly de Investigación Biomédica ou o premio franco-español Miguel Catalán-Paul Sabatier da Sociedade Francesa de Química. En outubro entrará a formar parte da National Academy of Engineering de EEUU.

Conferencia maxistral: das nanopartículas aos tumores artificiais 

Ao acto deste xoves asistiu, ademais da súa familia, o director do Cinbio, Miguel Correa-Duarte, entre outros colaboradores do científico galego. Antes de ser investido como honoris causa, Liz-Marzán ofreceu unha conferencia maxistral, titulada From nanoparticles to artificial tumours: A lifetime scientific journey. Lembrou que a nanoplasmónica é a ciencia que estuda a manipulación da luz empregando materiais de tamaño moito máis pequeno que a lonxitude de onda da radiación e recalcou que esta é unha tecnoloxía que ten aplicacións en varios campos, incluídos a detección e a diagnose de enfermidades. Un compoñente esencial da nanoplasmónica son os metais nobres nanoestruturados, que absorben e dispersan a luz de maneira eficiente a través de oscilacións coherentes de electróns de condución. Aínda que a notable resposta óptica dos metais " finely divided" é ben coñecida dende hai máis de 150 anos, o recente desenvolvemento de sofisticados métodos de caracterización e modelado permitiu potenciar  de maneira substancial este campo de traballo.

En resumo, ofreceu unha descrición xeral do cambio gradual no enfoque da investigación, dende os métodos de síntese coloidal ata a autoensamblaxe, a optimización das propiedades plasmónicas e, en última instancia, o rendemento en aplicacións de biodetección. Presentou varios exemplos nos que se empregaron materiais nanoestruturados que comprenden nanopartículas de ouro como substratos para a detección ultrasensible de moléculas biorrelevantes.

Tras o relatorio e unha quenda de preguntas tanto por parte dos asistentes, procedeuse á proxección de varios vídeos de felicitación protagonizados por compañeiros e amigos dos centros de investigación cos que ten traballo Liz-Marzán. Visiblemente emocionado, recibiu de mans do reitor da Universidade de Amberes a medalla e o diploma que o acredita como doutor honoris causa por esta institución.