DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A feira celébrase esta semana en modalidade mixta con sede en Pamplona

A Universidade amosa a súa oferta científico-tecnolóxica en Biospain 2021

É o encontro máis grande deste sector que se celebra en Europa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 30/09/2021

A Universidade de Vigo está a presentar esta semana na feira Biospain 2021 a súa oferta científico-tecnolóxica. O evento que se celebrar en modalidade mixta, tanto presencial en Pamplona como de xeito virtual, é unha referencia a nivel internacional no eido da biotecnoloxía e a feira máis grande que se celebra en Europa neste ámbito.

Como en anteriores edicións, en Sevilla en 2018 e Bilbao en 2016, a Universidade viguesa participa cun espazo virtual conxunto coas outras institucións galegas que compoñen o polo biotecnolóxico: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Bioga, o Clúster de Saúde de Galicia, GAIN e ACIS. 

Na sede presencial, as e os asistentes contan con espazos para xuntanzas e conferencias, mentres que os postos informativos son virtuais. O obxectivo é presentar as capacidades da UVigo neste campo que está en auxe e así aumentar a participación dos investigadores e grupos en proxectos. Ademais, esta cita tamén permite establecer novas colaboracións con empresas, institucións e centros de investigación, así como ofrecer os servizos da UVigo e os resultados das investigación desenvolvidas neste campo para transferilos ao tecido produtivo. Para isto, ademais da presenza de técnicos da oficina de I+D na feira, tamén se elaborou un catálogo dixital con toda a oferta propia da UVigo neste campo. Paralelamente á feira, esta semana a delegación galega tamén organizou na Casa de Galicia de Pamplona un encontro con empresas do sector para poder presentar as súas potencialidades.