DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do acordo asinado coa asociación Inventiva

A Universidade amosa as súas potencialidades a nenos e nenas con altas capacidades intelectuais

A través dun ciclo de conferencias para os rapaces e rapazas e as súas familias

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/05/2022

Hai pouco máis dun mes, a Universidade de Vigo e a asociación Inventiva asinaban un acordo para traballar conxuntamente a prol do desenvolvemento do talento de nenas e nenos con altas capacidades. Os froitos deste convenio de colaboración comezan a agromar e xa está en marcha un ciclo de conferencias para que os nenos e nenas que forman parte de Inventiva coñezan o traballo que diferentes grupos de investigación desenvolven na UVigo. 

Dado que os preto de 100 nenos e nenas con inquedanzas intelectuais, altas capacidades, talentos simples ou complexos que integran a asociación se forman en diferente colexios, optouse por organizar estes relatorios fóra do horario escolar e no propio campus. Deste xeito, as familias poden tamén asistir a estas actividades acompañando aos rapaces e rapazas. 

A primeira cita foi a pasada semana, na Facultade de Filoloxía e Tradución da man de Maruxa Cabeza, que lles explicou o traballo que o seu grupo de investigación en Gramática, Discurso e Sociedades (Grades) desenvolve no eido da comunicación xestual e as linguas de signos. A próxima conferencia será mañá venres ás 17.00 horas no edificio Miralles, cun relatorio da man do profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense Manuel Vilares Ferro, que lles falará sobre intelixencia artificial de peto. O 27 de maio terá lugar a terceira cita, a falta de completar máis datas para os seguintes meses. O encargado de impartila será o profesor do Grupo de Enxeñaría Física Benito Vázquez que, a partir das 17.00 horas na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, achegaralles aos asistentes unha visión re-recreativa da física. 

Unha alianza para canalizar capacidades

O acordo asinado entre a Universidade de Vigo e a asociación Inventiva en abril alongarase durante catro anos. Neste tempo, ambas entidades traballarán, a través de diferentes propostas, para “achegarlle ás nenas e nenos ás posibilidades que a Universidade lles pode ofrecer para canalizar as súas capacidades intelectuais”, como explicaba no acto de sinatura do convenio a presidenta de Inventiva, Patricia Pérez Alonso, que lembrara que a finalidade desta entidade é axudar a cubrir as necesidades dos cativos que precisan unha estimulación diferente, así como o acompañamento ás familias neste proceso. Da man da Universidade, tanto cativos e cativas como os seus proxenitores poderán coñecer os laboratorios e instalacións onde o persoal investigador da Universidade desenvolve o seu labor, así como descubrir as diferentes especialidades que se imparten e mesmo establecer unha mentorización que permita “que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas capacidades e mesmo fomentar vocacións”, sinalaba Patricia Pérez no acto de sinatura.