DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luz verde do Consello Galego de Universidades

A Universidade ampliará en case unha vintena a súa oferta de títulos de máster de doutor para o vindeiro curso

Na actualidade hai 14 en marcha

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mº del Carmen Echevarría DUVI 26/02/2008

Un total de 17 títulos de máster e doutor nos ámbitos tecnolóxico, científico, xurídico-social e humanístico, pasarán a engrosar o vindeiro curso a oferta da Universidade de Vigo que supera así a trintena de títulos enmarcados nos Programas Oficiais de Posgrao.
Tralo visto bo do Consello Galego de Universidades que aprobaba nas últimas horas un total de 34 títulos novos no Sistema Universitario Galego, a implantación dos estudos oficiais de grao será autorizado mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia. Deste xeito o vindeiro curso 2008/2009 as universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, impartirán un total de 34 novos títulos que se suman aos 71 que xa están en vigor na actualidade.

Oferta máis completa

“Con esta nova oferta reforzamos o carácter profesionalizante dos másters da Universidade de Vigo, xa que do total só un ten perfil investigador”, afirma Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea que tamén incide na importancia de que “así complétanse as ramas”.
Así no ámbito tecnolóxico os títulos que se incorporarán o vindeiro curso serán os de Máster e Doutor en Aplicación de Procesado de Sinal en Comunicacións; Máster en Consultoría de Software Libre; Máster en Tecnoloxías e Procesos na Industria do Automóbil ; Máster en Enxeñaría da Edificación e Construccións Industriais e Máster en Enxeñeiro de Soldadura.
No ámbito xurídico-social incorpóranse á oferta existente o Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial; Máster en Dirección de Empresa Familiar; Máster en Comercio Internacional; Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade de Contextos Educativos; Máster en Dirección Integrada de Proxectos e Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible.
A oferta para o vindeiro curso complétase co Máster en Edición e o Máster en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega no ámbito humanístico e os títulos de Máster e Doutor en Acuicultura e Máster en Nutrición, ambos pertencentes ao ámbito científico.
“Aínda que cara ao vindeiro curso a oferta amplíase de xeito significativo cubrindo todas as liñas de titulacións de grao, temos que seguir crecendo ata un tope que estará marcado pola oferta e a demanda”, afirma García Mateo.
A vicerreitora insiste no carácter profesionalizante da oferta de máster “cunha duración preferida de 60 créditos ETCS e cunha considerable participación de empresas e institucións para realización de prácticas”.

Propios, compartidos e por campus

Do total de novos títulos que o vindeiro curso impartiranse na Universidade de Vigo un total de 10 son propios, mentres que no caso dos restantes a institución viguesa comparte responsabilidades con outras universidades no só galegas, se non tamén de Portugal e do resto de España. É o caso, por exemplo, da Universidade do Minho no caso do Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial.
Ademais nesta nova oferta de títulos de máster e doutor teñen protagonismo varios centros dos tres campus da Universidade de Vigo como é o caso da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra; a ESE Informática, as facultades de Ciencias, Ciencias Empresarias e Turismo e Ciencias da Educación do campus de Ourense e as facultades de Filoloxía e Tradución, Económicas e Empresariais, Bioloxía e as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Industrial e Estudos Empresarias.