DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Se a Xunta dá o visto bo, implantaranse o curso que vén

A Universidade aposta por impartir os graos en Educación Infantil e Primaria de Ourense e en Comunicación Audiovisual co 80% da docencia en galego

O Consello de Goberno aprobou os criterios de produción de investigación e transferencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 22/05/2019

A Universidade de Vigo podería implantar a partir do vindeiro mes de setembro os graos en Educación Infantil e Educación Primaria, que se imparten no campus de Ourense, e o Grao en Comunicación Audiovisual, que se imparte no campus de Pontevedra, co 80% dos créditos en galego. Este foi o anuncio realizado polo reitor ás e aos integrantes do Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada hoxe e na que tamén avanzou que despois de que a Xunta da Facultade de Belas Artes acordase denegar o plano de estudos do Grao en Deseño e Creación, a Universidade está a traballar para implantar a titulación noutro centro no curso 2020-2021. Na sesión, na que Manuel Reigosa confirmou que a xerencia do Consorcio Casco Vello de Vigo autorizou unha ampliación do prazo de execución da obra da sede institucional do Berbés ata finais de maio de 2020, “aínda que espero que no teñamos que esgotar ese prazo”, asegurou, aprobáronse os criterios de produción de investigación e transferencia na convocatoria 2019, así como unha convocatoria para a contratación dunha investigadora ou investigador, con experiencia na coordinación de centros, para o Centro Tecnolóxico Industrial (MIT) e a agrupación estratéxica INEX.

Na sesión ordinaria, celebrada na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, aprobouse por asentimento a solicitude de outorgar a condición de profesor emérito da Universidade de Vigo ao catedrático de Historia Contemporánea Jesús de Juana López e ao profesor do departamento de Economía Aplicada Manuel Varela Lafuente, así como as propostas de prórroga dos profesores eméritos Juan Fernando de Laiglesia y González de Peredo, adscrito ao Departamento de Escultura e de Luis Rodríguez Ennes do Departamento de Dereito Privado.

Graos en galego; obras da sede do Berbés e Grao en Deseño e Creación 

Tras ofrecerlle a posibilidade a todas e todos os responsables dos centros dos tres campus, os graos en Educación Infantil e Primaria de Ourense e o Grao en Comunicación Audiovisual de Pontevedra son as titulacións que Universidade de Vigo proporá á Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística para se impartan, a partir do vindeiro curso 2019-2020, o 80% dos créditos en galego. “É unha moi boa nova. A Comisión reunirase este mes e veremos que acadaron as outras dúas universidades”, explicou o reitor, que lembrou que con esta iniciativa se pretende que a Xunta invista a partida contemplada no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 destinada á promoción de titulacións en galego. “O noso acordo é que unha parte a pagará a Xunta e outra será con cargo aos nosos orzamentos”, puntualizou Reigosa en relación co financiamento dos futuros itinerarios en lingua galega.

Este foi un dos temas que o reitor incluíu no seu informe ao Consello de Goberno, ao que tamén confirmou, que tras a decisión da Xunta de Facultade de Belas Artes de denegar o plan de estudos do Grao en Deseño e Creación, que está concedido pola Xunta e que xa debera de estar en vías de implantación para a súa posta en marcha o vindeiro curso, a Universidade está a traballar para poder implantar a titulación noutro centro. “Como equipo de goberno parécenos unha titulación de extraordinario interese e moi ben inserida no Campus CREA e buscaremos unha solución, que probablemente pase por nomear un decano ou decana comisaria para facer esta titulación dentro doutro centro. Parécenos unha titulación á que non podemos renunciar, que fortalecerá o campus e faremos o que sexa preciso para que se implante noutro centro no curso 2020-2021”, detallou Reigosa.

En relación coas obras de construción da sede institucional de O Berbés, o reitor confirmou que, tras algúns atrancos sufridos coa construtora, a Universidade acadou a autorización da xerencia do Consorcio Casco Vello para ampliar o prazo de execución da obra ata o 27 de maio de 2020. “Espero que non teñamos que esgotar o prazo e traballaremos para finalizar a obra o antes posible”, explicou o reitor.

Criterios de produción de investigación e transferencia e captación de talento para o INEX

Por asentimento as e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron hoxe os criterios de produción de investigación e transferencia na convocatoria 2019. No caso dos criterios de avaliación da produción de investigación cómpre destacar que, por unha banda, se aumentou o valor nas publicacións máis relevantes como Science, Nature e Q1, e, pola outra, retiráronse os congresos. O obxectivo de incrementar o valor nas publicacións máis destacadas é, segundo explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, “potenciar que os nosos investigadores e investigadoras publiquen máis en revistas de impacto”. En relación cos criterios de avaliación da produción de transferencia, a vicerreitora María Consuelo Pérez aclarou que se intentou reenfocalos baseándose no sexenio de transferencia, estruturando os criterios seguindo a estrutura que hai dentro do sexenio. “Nesta estrutura xéranse  dous grupos: os méritos xeradores de valor económico e os méritos xeradores de valor social”, destacou Pérez.

Na sesión deste mércores tamén se aprobou a convocatoria de captación de talento investigador de excelencia para a contratación dun investigador distinguido a tempo parcial no Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (MIT) e na agrupación estratéxica INEX da Universidade de Vigo. A votación, que se saldou con 29 votos a favor e dúas abstencións, estivo precedida dun debate, no que o voceiro de Ideas que Suman, Emilio Fernández, e o representante do sector decanos/directores José Manuel Cruz, criticaron que na convocatoria non se aludise ás responsabilidades de xestión que terá que asumir a persoa elixida, así como que sexa un contrato con dedicación parcial. “Reforzar o INEX é necesario e non se pode facer con parches. Cómpre unha dedicación plena e non dunhas poucas horas”, dixo Fernández, ao que o reitor replicou, recoñecendo que a institución no ten capacidade económica para ofrecer un contrato a tempo completo e manifestando a súa expectativa de que no futuro INEX sexa un centro singular de investigación. “Esta é unha aposta prioritaria para que INEX-MIT acade maior éxito fóra. É un pouco cativa, pero espero que teñamos éxito e poidamos captar alguén de alto nivel”, explicou o reitor, antes de que se procedese á votación da proposta que finalmente incluirá unha valoración específica da experiencia das e dos candidatos na coordinación de centros, agrupamentos e grupos de investigación.

Outros asuntos

Na sesión ordinaria de hoxe tamén se deu luz verde ao procedemento para a transformación dos contratos do profesorado axudante doutor a profesorado contratado doutor interino; ao regulamento polo que se establece o réxime de cambio de centro en titulacións de grao que se imparten en máis dun centro: Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Educación Infantil, Educación Primaria, Enfermaría e Enxeñaría Mecánica e ao Regulamento de Réxime Interno do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo, CEUVI, o máximo órgano de coordinación de representación estudantil na institución académica viguesa.