DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras asinar un convenio de colaboración, celebraron unha xornada técnica

Universidade e Asociación Española de Robótica e Automatización únense para impulsar a Industria 4.0

Representantes de empresas debateron sobre tecnoloxías como a sensórica, o Big Data ou o IIoT

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 05/02/2020

Os principais actores da robótica e a automatización industrial déronse cita este mércores na Escola de Enxeñería Industrial nunha xornada técnica sobre as novas tecnoloxías que dan forma á chamada revolución da Industria 4.0 e na que participaron empresas como ABB, Kuka, Omron, Universal Robots ou Schunk. Esta é a primeira actividade que se celebra baixo o paraugas do convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Asociación Española de Robótica e Automatización, rubricado polo reitor, Manuel Reigosa, e o vicepresidente da entidade, Salvador Giró, na tarde deste martes.

Como explica o profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática Ignacio Armesto, este acordo xurde da colaboración de AER coas JAI, Xornadas de Automatización Industrial, que el mesmo coordina. “O que buscamos dende a Universidade de Vigo con este convenio é mellorar a formación do noso alumnado e profesorado a través de conferencias, cursos, xornadas, material didáctico, etc. no eido da robótica e a automatización industrial”. Para acadar este obxectivo, estreitar a colaboración con AER é clave, xa que a asociación une a todos os actores da automatización industrial para “fomentar a dixitalización das nosas empresas, ao máis alto nivel, co obxectivo de converter España nun dos países punteiros no contexto industrial”, como remarcaba o vicepresidente de AER, Salvador Giró.

Empresas e especialistas nunha xornada técnica

No acto de apertura das xornadas, mas que participaron máis de 120 persoas, estiveron presentes a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez, o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo e a concelleira de I+D e docente nesta escola, Ana Mejías. A vicerreitora agradeceu ao profesor José Ignacio Armesto o seu esforzo e entusiasmo para facer posible este convenio, que segundo Juan Pardo “reforza un compromiso que ten a EEI dende que apostou polas titulacións que configuran a súa oferta académica”. Lembrou tamén que as e os egresados da escola son perfís moi demandados, pero remarcou que ademais de motivo de satisfacción é tamén unha preocupación porque “o número de profesionais que saen non é suficiente para cubrir as necesidades da nosa sociedade”. Para cambiar esta tendencia, subliñou a necesidade de traballar coordinadamente co tecido empresarial. 

Ana Mejías, pola súa banda, lembrou o premio nacional Ciudad de la Ciencia y la Innovación co que foi distinguido Vigo hai uns meses e explicou que é “froito dun ecosistema real formado polo tecido industrial, a Universidade e os centros tecnolóxicos” e apostou por “ser ambiciosos e renovar esta distinción” para o que reclamou a colaboración das empresas, do alumnado e da contorna de I+D+i universitaria “para que Vigo sexa un polo tecnolóxico de referencia nacional”.

Vantaxes da industria 4.0

Segundo lembraba na súa intervención o vicepresidente de AER, a revolución da industria 4.0 débese á irrupción de tecnoloxías como a robótica, a sensórica, especialmente a visión artificial, a comunicación máquina a máquina (M2M), a Internet Industrial das Cousas (IIOT) ou a obtención masiva de datos ou Big Data. Esta nova contorna industrial tradúcese, indicaba, “nunha maior capacidade de produción, con niveis excepcionais de calidade, nun tempo récord”, é dicir “un aumento da produtividade e a competitividade das nosas empresas”. Giró defendeu estas afirmacións con datos como a 12ª posición mundial de España en adquisición de robots, a 9ª en número de robots instalados e a 14ª en número de robots por cada 10.000 traballadores industriais. Pero quixo tamén analizar o impacto da automatización no emprego, xa que se agarda, como indicaba, que en 2025 as máquinas intelixentes asuman o 52% das tarefas industriais, comportando a perda de 75 millóns de empregos no mundo, pero xerando no seu lugar, 133 millóns de novos empregos que precisarán de persoal formado e especializado nestas novas tecnoloxías. Neste contexto “é crucial que a Universidade forme ás novas xeracións para estes traballos de futuro”, un dos obxectivo deste convenio asinado coa AER.

Xornada técnica

Tras a intervención do representante de AER deu comezo a xornada técnica sobre novidades e tendencias en robótica industrial coa participación de Julio Garrido, director do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Vigo; Xavier Pifarré, Channel Manager Robotics de ABB; Fernando Sánchez, CEO Spain, Portugal, Latam de Kuka Iberia; Jose Baena, Regional Marketing Manager Iberia de Omrom; Javier García, General Director HQ Iberia de Schunk e Jordi Pelegrí, Country Manager Spain & Portugal de Universal Robots. 

O primeiro en intervir foi Julio Garrido, que fixo un repaso pola evolución deste departamento durante os máis de 30 anos da súa existencia, centrándose nos avances e proxectos máis destacados e amosando “a fortaleza dos nosos laboratorios, dotados de material de vangarda neste sector”, como robots colaborativos.

Tras el, os diferentes representantes das empresas abordaron temas como os robots colaborativos ou "cobots", que poden funcionar de forma segura ao lado das persoas, e as súas funcionalidades permiten pensar en novas estruturas produtivas nas que os robots e os humanos poidan colaborar no desenvolvemento de tarefas precisas como ensamblaxe, ou control de calidade do proceso produtivo. 

Outro actor da revolución da Industria 4.0 son os robots móbiles, que poden desprazarse de forma autónoma na fábrica sen necesidade de que teñan que seguir percorridos fixos como ata agora. Os expertos tamén destacaron o proceso de universalización da robótica, xa que se trata dunha tecnoloxía tan madura que pode ser usada por calquera empresa sen necesidade de grandes inversións en robots ou persoal técnico. Neste sentido, lembraban que o robots que hai decenas de anos custaban o equivalente a unha vivenda, hoxe custan como un coche e, ademais, a súa fiabilidade e sinxeleza de uso é tan alta como a dun coche moderno”. 

Tras as conferencias celebrouse unha mesa redonda, moderada por Juan José Areal, responsable de proxectos de innovación en procesos na planta de Vigo de PSA Groupe, na que se abordaron temas como as novas prestacións que presentan as últimas xeracións de robots industriais; os avances en materia de mantemento e vida útil dos novos robots ou as vantaxes e inconvenientes da robótica colaborativa fronte á robótica industrial clásica.