DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais elaborou un cuestionario telemático

A Universidade avalía as condicións de teletraballo do persoal durante o confinamento

Etiquetas
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 15/05/2020

Dende que no mes de marzo de decretou o estado de alarma, a Universidade de Vigo, seguindo as directrices das autoridades sanitarias, estableceu a modalidade de traballo a distancia naqueles postos nos que foi posible. Para facelo do mellor xeito posible, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais elaborou un manual con indicacións para traballar dende a casa de xeito saudable. Agora, transcorridos preto de dous meses estase a realizar unha enquisa para avaliar as condicións do teletraballo do persoal durante o confinamento.

O SPRL deseñou un documento telemático voluntario para que o persoal da UVigo poida autoavaliar as condicións de traballo do espazo utilizado no fogar para teletraballar. Esta enquisa trata de dar cumprimento ao Real Decreto-ley 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urgentes extraordinarias para hacer frente al impacto económico y social del COVID-19. “No seu artigo 5 indica que se entenderá cumprida a obriga de efectuar a avaliación de riscos con carácter excepcional, a través de una autoavaliación realizada voluntariamente pola propia persoa traballadora”, explica Mª José Montero, técnica superior do SPRL. O obxectivo é que “o persoal da Universidade realice unha pequena avaliación da situación na que está a desenvolver o teletraballo dende o seu domicilio, e poder así melloralo no posible seguindo as recomendacións que se lle dan en cada punto da autoavaliación”.

O documento divídese en varios bloques temáticos. No que se refire, por exemplo, ao lugar de traballo, analízase a dispoñibilidade dun lugar específico de traballo, a posibilidade de regular a temperatura dese espazo, o nivel de humidade ou os puntos de luz. No que atinxe ao mobiliario, requírese coñecer o tipo e dimensións da mesa, se a cadeira permite ter unha postura saudable, etc. Tamén se busca información sobre o tipo de ordenador, a pantalla, o teclado ou rato. Pero ademais dos aspectos físicos, tamén se abordan os psicosociais e xestión do tempo, como a planificación do traballo e do descanso, as prioridades nas tarefas, etc. así como a dispoñibilidade de apoio telemático por parte de cada servizo.

As preguntas, ademais, inclúen no caso de que a resposta implique que a condición de traballo non é adecuada, unha serie de achegas e recomendacións en cada caso. Unha vez cumprimentado o cuestionario debes envialo á seguinte dirección de correo electrónico: sprl.administracion@uvigo.es

Mellorar a guía para teletraballar de xeito saudable

Mª José Montero, técnica superior do SPRL, lembra que no mes de abril elaboraron a guía de teletraballo de urxencia, “con moi pouco tempo para facela, polo que esperamos sexa mellorable cos resultados que obteñamos da autoavaliación”. Esta guía vén a ampliar a información ou recomendacións que se dan na autoavaliación, e se pode acceder mediante un enlace que se indica na mesma.

Con todo, dende o SPRL remarcan que a pesar de que o cambio da presencialidade ao teletraballo foi repentino e urxente, pero a falta de coñecer os resultados desta autoavaliación, semella que “estamos actuando de xeito admirable, xa que da noite á maña todo o persoal tivo que que cambiar a forma de traballar, adaptar a súa vivenda, e adaptarse a novas tecnoloxías”.