DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha investigación enmarcada na Cátedra Álvarez Ossorio, coordinada polo grupo HealthyFit

A Universidade avaliará durante catro anos a condición física do alumnado da Escola Naval Militar

O estudo reunirá datos dos máis de 400 estudantes do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/05/2019

No marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade Vigo desenvolve xunto á Escola Naval Militar, un proxecto de investigación leva aos investigadores e investigadoras do grupo HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a avaliar diferentes aspectos da condición física dos máis de 400 alumnos e alumnas deste centro militar con sede Marín. O proxecto, que deu comezo neste curso, esténdese ao longo dos próximos catro anos, nos que os investigadores e investigadoras da Universidade realizarán medicións cineantropométricas dos e as estudantes, á vez que unha serie de probas dirixidas a avaliar a evolución da súa condición física ao longo dos seus anos de formación na Escola Naval Militar, así como á validación e análise de fiabilidade dunha batería de tests que permita avaliar dunha forma específica a condición física do persoal militar da ENM.

“O obxectivo deste estudo é facer un diagnóstico inicial e un seguimento do estado físico do alumnado da escola, por ser unha compoñente fundamental no seu rendemento, tanto académico como profesional”, sinala José María Cancela, investigador principal do grupo HealthyFit. Este estudo descritivo e lonxitudinal da condición física do alumnado da ENM está coordinado pola profesora da Facultade de Fisioterapia Iris Machado, pola docente de Ciencias da Educación e do Deporte Helena Vila e polo tenente de navío e xefe de sección de Educación Física da Escola Naval Militar, Francisco Jesús Burgos. 

O proxecto, que se estenderá ata 2022, intégrase nas actividades da cátedra que, a raíz dun convenio entre a institución académica e o Ministerio de Defensa, Universidade e Escola Naval Militar impulsaron en 2003, cátedra á que a comisión responsable, da que forman parte tanto o vicerreitor do campus, Jorge Soto, como o director da ENM, o capitán de navío Ignacio Cuartero, decidiu sumar a investigación as súas diferentes actividades. “En España hai moi pouco feito sobre a avaliación do estado físico dos diferentes corpos militares, polo que é un estudo pioneiro e temos que agradecer á Escola Naval que nos abrise as súas portas”, engade Cancela.

Catro anos de recollida de datos

Avaliar, ao longo de catro anos, a condición física do alumnado dos diferentes cursos da formación na Escola Naval Militar, é, como sinala Iris Machado, o principal obxectivo dun proxecto no que o centro pon a disposición das investigadoras a información das marcas obtidas por cada alumno e alumna nas probas que cada cuadrimestre deben superar dentro do programa de educación física da escola e na que as marcas mínimas que deben superar para aprobar van aumentando ao longo da súa etapa formativa. A esta batería de datos súmase a realización dunha valoración cineantropométrica a cada alumno e alumna da ENM, dirixida a obter datos como altura, peso, perímetro de cintura ou composición corporal; unhas probas que en xaneiro realizaron coa colaboración do persoal da escola e que repetirán cada cuadrimestre durante estes catro anos. 

O obxectivo, engade Cancela, é “definir o perfil do nivel de condición física do alumnado que entra na escola e ver a súa evolución ao longo do tempo”, así como se esta condición física “responde ás demandas que os seus postos profesionais lles esixen”. Por outra banda, entre os obxectivos do proxecto figura tamén a avaliación de hábitos saudables e posturais do alumnado da escola, identificar se o alumnado con mellor condición física xeral desenvolve mellor as tarefas ou exercicios específicos do seu rango e obtén un mellor rendemento académico ou o estudo das características físicas do alumnado que participa en navegacións prolongadas. De feito, explica Machado, unha das tarefas a realizar nos próximos meses será a valoración do alumnado que actualmente se atopa realizando o cruceiro de instrución no Juan Sebastián Elcano xa que, ”unha segunda etapa do estudo implica coñecer as tarefas que desenvolven no barco e avaliar o seu sistema de adestramento alí, por ser unha etapa clave na súa formación”.

Na procura dunha ferramenta de medición validada

Os datos das probas físicas que o alumnado realiza na escola e as medicións antropométricas compleméntase así mesmo coa realización doutra serie de probas físicas que, realizadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa colaboración de diferentes investigadores e investigadoras do grupo HealthyFit e dirixidas, explica Machado, a “validar unha ferramenta da condición física dos estudantes da Armada, xa que a día de hoxe non existe ningunha ferramenta específica de avaliación da condición física para este colectivo en España”. Con ese obxectivo, unha mostra de aproximadamente cen alumnos e alumnas realizarán cada cuadrimestre unha serie de probas complementarias dirixidas tamén a avaliar a súa condición aeróbica e a anaeróbica, a súa forza no tren superior e inferior e o seu equilibrio. “Trátase dunhas probas que foron validadas para outros colectivos e das que é necesario comprobar o seu funcionamento neste caso”, explica esta docente dunha medicións que se realizan co propósito de analizar as súas correspondencias coas obtidas nas probas que se realizan na Escola Naval Militar, para así ver “se hai aspectos que se poden modificar nos seus protocolos”.