DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de máis de 30 países

A Universidade dá a benvida a 205 novos estudantes estranxeiros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/02/2008

200 estudantes, máis de 30 países, multitude de linguas. A Universidade internacionalízase ano tras ano coa chegada de estudantes estranxeiros, aos que este mércores se lles ofreceu un acto de benvida na Facultade de Filoloxía e Tradución, o centro no que cursarán estudos a maioría deles.
En total, son 205 novos estudantes nos tres campus, dos que 153 estarán en Vigo neste segundo cuadrimestre e, a estes, hai que engadir os 120 alumnos que teñen unha bolsa para todo. Segundo subliñou Eva Garea, técnica da Oficina de Relacións Internacionais, “entre Erasmus, ISEP e outras bolsas e convenios, este ano sodes máis de 500 estudantes de intercambio na Universidade e agardamos que cada ano sexades máis”.
Polonia, Alemaña, Francia e Italia son os países de procedencia maioritaria grazas ás bolsas Erasmus, aínda que mediante numerosos programas de intercambio e convenios, tamén chegan a Vigo estudantes cubanos, marroquís, colombianos ou mexicanos.
Alexandra e Julia son dúas destas recén chegadas que asistían ilusionadas e atentas á presentación. As dúas son romanesas e as dúas estudarán algunha filoloxía pero chegaron a España por motivos diferentes: Julia porque xa ten unha irmá aquí e Alexandra pola estreira relación que ten a súa universidade coa Facultade de Filoloxía e Tradución. No pouco tempo que levan en Vigo, Alexandra xa se amosa sorprendida por algúns feitos e destaca que “é unha cidade que mestura cousas noves e antigas pero chamoume a atención que hai un centro comercial pegado ao mar”.
De Alemaña veñen Alena e Yuria, estudantes de educación infantil e de literatura alemá, respectivamente. Con ganas de comezar as clases explican que xa coñecen algo de Vigo e Pontevedra, cidade na que “asistiremos a un curso sobre literatura infantil”. Sobre as diferenzas entre as súas universidade a que agora as acolle, salientan a concepción dos campus, “non estamos acostumadas a campus onde se reúnan case todas as facultades e escolas, en Alemaña adoitan estar repartidos pola cidade”.

Unha ampla e completa oferta de actividades

Deportes, cursos de linguas, actividades culturais... Ademais da vida académica, a Universidade ofrécelle a estes estudantes unha ampla oferta de iniciativas nestes ámbitos que puideron coñecer de primeira man durante o acto. Foron os propios responsables dos servizos os que informaron aos recén chegados de todas as actividades que teñen ao seu alcance.
Para este segundo cuadrimestre, dende a ORI está previsto un programa de actividades e visitas dirixidas a estes novos alumnos e todas de balde. No mes de marzo ofreceráselle unha festa de benvida, unha recepción no Concello de Vigo e poderán coñecer a cidade da Coruña. En abril, outra excursión levaraos a coñecer Porto e no mes de maio visitarán Cangas, Portonovo e a praia da Lanzada.
Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, informounos sobre as instalacións e “as actividades deportivas que podedes realizar no campus ou en instalación da cidade coas que temos algún tipo de convenio”. Competicións internas, cursos de iniciación, escolas deportivas ou roteiros culturais son algunhas das iniciativas que teñen ao seu alcance, entre as cales Rial destacou o servizo de preparación física personalizado.
Tamén Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística, informou aos novos estudantes dos cursos de galego nos que se poden matricular durante este cuadrimestre, ao tempo que lles explicou algunhas nocións básicas da cultura galega. Segundo subliñou “haberá un curso de extensión cultural que está a piques de comezar e co que se obterá un certificado oficial da Xunta de Galicia”. “O que pretendemos é darvos a coñecer a nosa lingua, a nosa historia e a nosa cultura, que lonxe dos tópicos mediterráneos, ten unha fonda tradición atlántica”.
Pola súa banda, Jorge Figueroa, director do Centro de Linguas, tamén lles presentou aos estudantes de intercambio a oferta de cursos de español nos diferentes niveis e o curso de español para estranxeiros que vai ter lugar nos meses de verán.

Estranxeiros no campus de Vigo

Ao longo deste curso 2007-2008 o número total de estudantes estranxeiros na Universidade de Vigo é de 528. 174 deles teñen unha estancia de curso completo, 149 estiveron no primeiro cuadrimestre e 205 son os que acaban de chegar para o segundo. Por campus, en Vigo a cifra total é 373: 100 no primeiro cuadrimestre, 153 no segundo e 120 todo o ano. No que se refire aos centros, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolle a máis da metade dos estudantes de intercambio, seguida de Ciencias Económicas e Empresariais a da ETSE Industrial.