Coa segunda das xornadas dirixidas a presentarlles os diferentes servizos da institución
A Universidade dá a benvida a preto de 400 estudantes en Pontevedra
A reitora salientou a cobertura “practicamente total” das prazas de novo ingreso
Preto de 400 novas e novos estudantes da Universidade de Vigo puideron coñecer este mércores en Pontevedra as actividades e servizos que a institución académica pon á súa disposición, máis aló das aulas, na segunda das xornadas de benvida que nestes días teñen lugar nos tres campus. Tras desenvolverse este martes no campus de Ourense, o edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública acollía este “acto de benvida festivo”, como o definiu a reitora, Carmen García Mateo, quen puxo de relevo a cobertura “practicamente total” das prazas de novo ingreso nos diferentes graos neste inicio do curso 2026/2027.
García Mateo visitou os postos nos que responsables de diferentes servizos e áreas ofrecían información ao alumnado acompañada pola vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, e pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández. As e os estudantes puideron obter información sobre diferentes servizos da institución académica ou coñecer o labor de asociacións estudantís, nunha mañá complementada por música e agasallos. Deste xeito, buscábase dotar dun carácter festivo a unha iniciativa que ten unha “misión moi importante”, salientou García Mateo, a de que o alumnado “empece a sentir que son parte dunha comunidade”. O obxectivo, subliñou a reitora, é contribuír a que teñan “unha experiencia universitaria plena”, a través dos “moitos servizos” que lles ofrece a UVigo. “Creo que os estudantes perciben isto como algo moi necesario”, concluíu a reitora.
Nesa mesma liña, Dolores González puxo o foco en que “non é o mesmo” obter información dun determinado servizo que facelo da man das e dos seus responsables. Deste xeito, salientou, estas xornadas “anímanlles a participar” nas diferentes iniciativas, á vez que supoñen “unha moi boa maneira de visibilizar a Universidade”, máis aló da súa oferta académica.
Altas taxas de ocupación e “moitos proxectos” para o campus
Con respecto do inicio, o vindeiro luns 7, dun novo curso académico, García Mateo destacou a cobertura “practicamente total” das prazas de novo ingreso dos diferentes graos, tanto do campus como do conxunto da Universidade, coincidindo coa apertura este mércores do sexto chamamento de matrícula da CIUG. A reitora apuntou que as taxas de ocupación das prazas de novo ingreso sitúase preto do 105%, dada a “sobrematrícula” rexistrada en diferentes graos, nos que o número de matriculados e matriculadas é superior ao de prazas inicialmente ofertadas. Nalgunhas titulacións, recoñeceu, “esa sobrematrícula é importante”, o que a reitora observaba “en positivo”, dado que amosan que “as nosas titulacións teñen demanda e de que traballamos para poder atender esa demanda real”. Nese senso, García Mateo engadiu que “traballamos para que as nosas titulacións poidan ter un número maior de prazas”, para que o serán precisos “máis recursos nalgúns casos, de infraestruturas e de profesorado”.
Tamén nesta xornada, a reitora e a vicerreitora do campus mantiveron unha xuntanza cos decanos e decanas dos diferentes centros do campus, na que afondaron no inicio dun curso que arrinca “con moita ilusión e con moitos proxectos por desenvolver”, recoñeceu Marián Fernández. “Hai moitas expectativas que se poden xerar arredor do campus”, sinalou a vicerreitora, ao tempo que destacou o “pulo de ánimo” que outorgaba nese senso a asistencia a esta xornada de benvida.
A preguntas dos xornalistas, reitora e vicerreitora incidiron nas conversas mantidas con diferentes institucións de cara a impulsar a construción dunha residencia universitaria. García Mateo subliñou que “continuaremos con estas conversas” e puxo en valor que no encontro co alcalde de Pontevedra visen “reafirmada esa oferta de terreos” para esta infraestrutura. Do mesmo xeito, Fernández subliñou que “todas as institucións coas que temos falado”, tanto nas reunións xa celebradas como en conversas previas, amósanse “convencidas” da necesidade dunha residencia universitaria en Pontevedra, nun momento no que “o mercado está tremendamente tensionado”. Neste punto, a vicerreitora do campus subliñou a importancia de dar ao alumnado a posibilidade de estudar en Pontevedra, tanto a través dunha residencia como“doutro tipo de xestións” que poidan facilitarlles “alugueres accesibles a todo o noso estudantado”.
Unha “primeira toma de contacto”
Nos diferentes postos despregados no vestíbulo do centro, as e os asistentes puideron saber máis da oferta académica, transporte, aloxamento, bolsas, emprego e emprendemento, asociacionismo ou mobilidade, á vez que coñecer as propostas do Centro de Linguas, do Centro de Posgrao e Formación Permanente, da Área de Benestar, Deporte e Saúde ou da Unidade de Igualdade. Do mesmo xeito, esta xornada permitiulles achegarse ao labor da biblioteca, da Área de Normalización Lingüística e de diferentes asociacións estudantís, así como coñecer iniciativas como a Orquestra da Universidade.
Esta iniciativa permitía tamén ao alumnado de novo ingreso comezar a “situarnos un pouco” nun momento “no que todo é novo e distinto”, como recoñecían Lucía Castro e Pablo Veiga. Chegados de Soutomaior para cursar o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ambos amosábanse con “gañar de comezar a estudar o que elixiches”. Do mesmo xeito, Sara Bugarín e Raúl Miguélez, novos estudantes da Facultade de Comunicación, recoñecíanse con “gañas de empezar xa a vida universitaria”, o que fixo que estes dous estudantes do Porriño acudisen a esta xornada coa idea de “coñecer xente e ver un pouco ambiente” da facultade, así como de conseguir información sobre os seus estudos.
Estas xornadas de benvida desenvolveranse este xoves no campus de Vigo e o vindeiro luns 7 de setembro arrancará o período lectivo. Na xornada seguinte, o martes 8, a campus de Vigo acollerá o acto oficial de apertura conxunta do curso académico 2026/2027 das universidades galegas.
