DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sonora cumpre 14 anos enchendo de música e emocións o Vidal Bolaño

A Universidade dá a benvida á primavera coa música de Santi Araújo e Cora Velasco

A programación musical volverá en maio co festival Ensaiamos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI 27/03/2019

Dende o seu nacemento no 2005 o festival Sonora chega cada primavera ao Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria ofrecendo novas propostas musicais, mesturando estilos, acollendo en cada edición novos ritmos a cargo de  artistas emerxentes, e tamén consolidados, da escena galega. Este ano o Sonora retornou cun concerto no que os asistentes puideron gozar da música de Santi Araújo e Cora Velasco. 

O primeiro en subir ao escenario foi Santi Araújo, que presentou o seu último traballo, Catedral, un achegamento íntimo á vida e personalidade do artista galego. Araújo, tras cinco anos afastado da música, volveu á escena, esta vez en solitario, cun álbum moi persoal e no que fixo un percorrido polas súas emocións máis fondas. Ao longo de case unha hora, o artista de Ponteareas desarmouse, á vez que se reconstruíu, en cada nota e cada palabra.  

Tras a actuación de Araújo, Cora Velasco, antes  Cora Sayers, presentou ao público que se deu cita no campus vigués, Sortilegios, o seu último disco, o  máis persoal, con temas propios e unha versión da canción Arponera de Esclarecidos. A artista galega continúa así unha xira que iniciou o pasado 1 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra e na que aposta pola composición en castelán e por un novo nome, o seu propio. Neste traballo, Velasco saíu da súa zona de confort, experimentando con novos sons, na procura da madurez persoal e musical. 

O espectáculo continúa...

A programación musical do segundo cuadrimestre baixará o pano o vindeiro 2 de maio coa celebración do festival Ensaiamos. Nesta ocasión, os protagonistas serán os grupos que veñen participando, dende o pasado mes de outubro, no programa de ensaios gratuítos que cada ano organiza a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. 

Os grupos participantes en Ensaiamos terán, nalgúns casos, a súa primeira experiencia enriba dun escenario e, ademais, o que resulte gañador poderá gravar unha maqueta na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.