DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do convenio marco de colaboración asinado este xoves na Vicerreitoría do campus

A Universidade busca fortalecer a súa colaboración co Foro Empresa Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/12/2020

Co propósito de fortalecer os seus lazos de colaboración e impulsar conxuntamente proxectos e actividades, a Universidade de Vigo e o Foro Empresa Pontevedra asinaron este xoves un convenio marco de colaboración, nun acto celebrado na sede da Vicerreitoría do campus. “É importante que dúas institucións unan esforzos para intentar desenvolver actividades e actuacións que vaian a favor da cidade e da provincia”, salientou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, trala sinatura deste acordo, dirixido a regular a colaboración entre a institución académica e este foro de debate promovido por unha serie de asociacións e empresarios.

O presidente do Foro Empresa Pontevedra, Arturo Ramírez, o vicepresidente, José Ramón Carril, e a vogal da súa xunta directiva Lucía Pedroso participaron este xoves, xunto ao vicerreitor e o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, na sinatura deste convenio marco, de catro anos de duración, que ten como propósito, como explicou Soto, “formalizar a colaboración” que xa viñan mantendo e servir tamén como marco para o impulso de actividades e proxectos. Como un “foro de debate” dirixido a pór en valor “as cuestións estratéxicas que afectan á realidade socioeconómica desta cidade e da súa contorna”, presentou Ramírez o Foro Empresa Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que inicia a súa andaina no ano 2015, por iniciativa da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe), a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), a Cámara de Comercio e un grupo de empresarios a título persoal, constituíndose en 2016 como unha asociación que pretende servir como “punto de encontro” no que empresariado, profesionais, asociacións ou administracións poidan compartir coñecementos. De aí que o seu presidente puxese o acento na importancia de sumar á Universidade a esta iniciativa, co propósito de “estea cada vez máis cerca das empresas, dos proxectos de innovación e do desenvolvemento socioeconómico desde o punto de vista do emprendemento”. 

“Para a Universidade de Vigo, falar do foro é falar do conxunto de organizacións que conforman o tecido empresarial de Pontevedra e niso encaixamos nós, porque neste campus, que é un pulmón de investigación e innovación que temos na cidade, estamos formando e lanzando á sociedade a un conxunto de egresados e egresadas cunha cualificación moi alta”, engadiu o vicerreitor. Soto puxo de relevo a importancia que para o campus ten pasar a formar parte do “conxunto de pezas” que integran o foro, á vez que recalcou a necesidade de “botarlle moita creatividade e innovación” para, partindo deste acordo común, poder levar a cabo, a través de futuros convenios específicos, “proxectos que redunden no crecemento e na riqueza, produtiva e intelectual, da cidadanía”.

“Solucións fronte á incerteza”

Como explicou Ramírez, desde a súa creación, o Foro Empresa Pontevedra organiza unha serie de debates e encontros con expertos sobre diferentes "asuntos de interese” para o tecido empresairal, como reunións, xornadas temáticas ou almorzos de traballo ou, nestes últimos meses marcados pola covid-19, seminarios web. Deste xeito, a colaboración coa Universidade, sinalou, “danos a oportunidade de poder seguir trasladando solucións á incerteza que nos rodea diariamente”.