DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Luis Méndez e Alberto Gago asinaron o convenio correspondente a 2008

Universidade e Caixa Galicia ultiman a súa colaboración para a reordenación integral do ámbito tecnolóxico

Cinco anos de traballo conxunto abren a porta a novos retos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/04/2008

Tras cinco anos Caixa Galicia e a Universidade de Vigo finalizan a súa colaboración para a reordenación integral do ámbito tecnolóxico, coa sinatura dun convenio polo que a entidade financeira aportará 180.280 euros para a elaboración, durante o ano 2008, da fase final do proxecto deseñado polo arquitecto brasileiro Paulo Mendes da Rocha.
“Este é o proxecto de reordenación urbana do ámbito tecnolóxico,e supón a etapa final do proxecto Mendes da Rocha. Agora ven o reto enorme que de ver se somos quen de proceder a súa construción”, afirmou o reitor, Alberto Gago que agradeceu o apoio recibido ao longo destes anos por parte de Caixa Galicia.
Unha colaboración que o director xeral da entidade financeira, José Luis Méndez xustificou asegurando que “non podía ser doutro xeito cunha universidade punteira como a de Vigo que ao tempo ten os vimbios necesarios para facer unha pequena Silicon Valley. Para nós participar na elaboración deste proxecto de Cidade Tecnolóxica foi tremendamente satisfactorio”.
O convenio dá resposta a un dos principais obxectivos estratéxicos da Universidade de Vigo como é a reordenación espacial e urbanística do campus de Vigo, facilitando a comunicación radial dos ámbitos tecnolóxico e científico co centro institucional e de servizos, así como a conexión das infraestruturas previstas no proxecto de Cidade Tecnolóxica coas restantes instalacións tecnolóxicas e universitarias.

Continuidade no futuro

Trala sinatura de hoxe tanto o reitor da Universidade de Vigo como o director xeral de Caixa Galicia deixaron a porta aberta a novas colaboracións entre ambas entidades. Alberto Gago expresou a súa confianza en que “esta parcería se poida renovar coa mesma potencia e novos retos e proxectos para proseguir en anos futuros con esta colaboración”.
Unha luva que o director xeral de Caixa Galicia recolleu, afirmando que “evidentemente que nas novas liñas estratéxicas estamos dispostos a colaborar. A investigación hoxe en España e en Galicia está comandada polo sector público, e a iniciativa privada comezará a ser quen de ter cada vez máis presenza nesta investigación en porcentaxes de participación, establecéndose así un campo enorme de colaboración coa universidade”.
José Luis Méndez aproveitou a súa presenza no campus vigués para manifestar o seu respaldo á candidatura viguesa á Universiada do 2013 que os vindeiros xoves e venres será avaliada sobre o terreo por varios membros da FISU.