DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas este martes na Facultades de Educación e Traballo Social

Universidade e centros educativos intercambian experiencias de innovación docente

Houbo exposicións de proxectos, conferencias, debates e obradoiros prácticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 02/12/2025

O campus de Ourense acolleu este martes a celebración da xornada Sinerxías educativas en prol da innovación, organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social e os centros educativos da contorna, como son os CEIP Plurilingüe Curros Enríquez; o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro; o CEIP Mestre Vide e o CFR Ourense. Escolares, mestras e mestres e alumnado e profesorado universitario compartiron unha actividade que tivo como obxectivo visibilizar experiencias reais de innovación educativa e fomentar a reflexión sobre as prácticas pedagóxicas transformadoras. 

Alumnado e profesorado dos citados centros educativos acudiron ao campus para dar a coñecer en primeira os seus proxectos ao alumnado universitario, que tamén compartiu con eles as súas propostas educativas a través de diferentes actividades. A xornada completouse con conferencias, debates e obradoiros prácticos nos que "vivenciar metodoloxías activas e fortalecer habilidades esenciais para as e os futuros profesionais que agora se forman nos graos de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Social da UVigo". Non faltou a música, celebrándose un concerto de Cé Orquestra Pantasma.

Concretamente, sinalan desde a facultade ourensá, os obxectivos da iniciativa foron tres. O primeiro visibilizar proxectos innovadores e achegar ao estudantado experiencias reais de innovación desenvolvidas en centros educativos da contorna, fomentando a reflexión sobre prácticas pedagóxicas transformadoras. O segundo foi potenciar metodoloxías activas, impulsar a aprendizaxe vivencial mediante a realización de obradoiros prácticos que permitan experimentar en primeira persoa as posibilidades da innovación educativa. Por último, o terceiro obxectivo foi reflexionar sobre o traballo en equipo e sensibilizar ao estudantado sobre a importancia do traballo colaborativo, o liderado e as habilidades brandas na práctica profesional educativa.

Un encontro escola-universidade

A programación arrancou cunha exposición de proxectos innovadores dos centros participantes de Educación Infantil e Primaria. Profesorado e escolares dos colexios presentaron dunha forma visual e lúdica os seus proxectos ás persoas que se achegaron ata cada un dos postos habilitados na entrada do Edificio de Ferro. Continuou cunha merenda interxeracional e actividades de animación socioeducativa a cargo de estudantado dos tres graos da Facultade de Educación e Traballo Social. As actividades foron deseñadas dentro do programa de Aprendizaxe-Servizo do centro. “Na xornada tivemos a oportunidade de coñecer os proxectos que se están levando a cabo en diferentes aulas, escoitándoos dende a voz do propio alumnado de Educación Primaria. E, en contrapartida, as rapazas e rapaces destes centros tiveron a oportunidade de coñecer e participar en actividades deseñadas polo noso estudantado universitario”, explicou Isabel Mociño, decana da facultade organizadora. Neste encontro escola-universidade, engadiu, tamén foron convidados a participar colectivos que traballan no acompañamento de persoas maiores para que coñecesen estas actividades e participasen na merenda interxeracional e diferentes dinámicas promovidas polo estudantado de Educación Social.  

Xa pola tarde, a programación continúa cunha mesa de debate sobre a importancia do traballo en equipo, o liderado, as habilidades brandas e os recursos educativos, moderada polo profesor Xosé Manuel Cid e que conta con catro intervencións. Participarán Silvia Martínez, docente no CPI José García García; Paola Guimeráns, investigadora da Universidad Europea de Madrid especialista en novas tecnoloxías aplicadas á educación e desenvolvemento de habilidades dixitais; Almudena Alonso, profesora da Universidade de Vigo especialista en formación do profesorado e implementación de metodoloxías activas, e Nuria Diéguez,  directora do CFR de Ourense e profesora asociada da Universidade de Vigo. Antes do peche e reflexión final, o programa inclúe tres obradoiros a cargo de persoal do CFR de Ourense para que todo o estudantado participante explore tecnoloxías e metodoloxías aplicables na súa futura práctica profesional. Os obradoiros céntrase en materiais manipulativos para a aprendizaxe, maletas viaxeiras para o xogo como recurso educativo e situación de aprendizaxe STEAM.