DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa mantivo un encontro con Patricia García  

Universidade e Círculo de Empresarios de Galicia activan a súa colaboración coa posta en marcha de nove comisións de traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/07/2018

Infraestruturas, novas tecnoloxías, enerxías renovables… Estes son algúns eidos nos que se centrarán as nove comisións de traballo que a partir do vindeiro mes de setembro porán en funcionamento a Universidade de Vigo e o Círculo de Empresarios de Galicia, co obxectivo de traballar “cóbado con cóbado co tecido empresarial”, confirma Manuel Reigosa. O reitor da institución académica viguesa recibiu este mediodía no seu despacho á presidenta do Círculo de Empresarios, Patricia García, nunha xuntanza que cualificou de “moi proveitosa” e na que ambos constataron a súa coincidencia sobre como debe ser o papel dinamizador da universidade en relación co tecido empresarial da contorna. 

“Nesta nova etapa buscamos desenvolver un traballo máis polo miúdo coa entidade empresarial a través da posta en marcha das comisións”, sinalou o reitor, que tamén avanzou que a universidade aproveitará a experiencia do Círculo de Empresarios de Galicia para incentivar as vocacións empresariais entre o alumnado, que poderá traballar e ter un contacto máis directo co tecido empresarial.

Na reunión, celebrada no seu despacho, Reigosa estivo acompañado polo vicerreitor de Economía, José Martín Moreno, mentres que Patricia García asistiu cos membros da súa xunta directiva, Andrés Fernández e Pablo Álvarez.