DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica forma parte do seu padroado

A Universidade colabora no décimo aniversario do Observatorio de Forcarei coa mostra ‘400 lúas emocionadas’

A exposición do catedrático Juan Fernando de Laiglesia inaugurase este venres

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 26/09/2019

Como xa fixera na súa inauguración en 2009, a Universidade de Vigo colabora coa conmemoración do décimo aniversario do Observatorio Astronómico de Forcarei a través da mostra 400 lúas emocionadas, do catedrático de Escultura da Facultade de Belas Artes Juan Fernando de Laiglesia. A exposición, que forma parte dos actos de celebración que se organizan mañá venres, estará aberta ao público no Concello de Forcarei ata o vindeiro venres 11 de outubro, en horario de 8 a 15 horas.

Ademais, a conmemoración completarase cunha exposición divulgativa itinerante no IES Chano Piñeiro de Forcarei sobre o satélite Gaia da Axencia Espacial Europea, titulada Mil millóns de ollos para mil millóns de estrelas, da que é comisaria para Galicia a profesora do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo Ana Ulla, xunto coa docente da Universidade da Coruña Minia Manteiga. Nela móstranse, a través de diferentes paneis, as propostas de diferentes científicos europeos para medir as posicións, distancias e movementos de mil millóns de estrelas.  

Pola súa banda, a obra de Juan Fernando de Laiglesia é unha homenaxe a tres figuras da astronomía universal como Galileo Galilei, Johannes Kepler e Aller Ulloa. O público que a visite poderá ver o telescopio Erdel Verlag, construído a imaxe e semellanza do que Galileo fabricou en Venecia, un visor de lúas intercambiables e tres series de paneis dedicados aos eminentes científicos.

Durante a xornada do venres, celebrarase un acto institucional no Concello de Forcarei, que tamén organiza unha xornada de portas abertas no observatorio. Estas actividades de conmemoración están adheridas á axenda mundial de eventos do centenario da International Astronomical Union, coas que se busca mostrar o papel central da astronomía para a educación, a divulgación e a diplomacia. Neste senso, a docente Ana Ulla afirma que “os obxectivos da astrofísica son moi ambiciosos, porque queremos entender e explicar como é e como funciona o universo enteiro e por partes”. Ulla destaca así mesmo a utilidade deste observatorio astronómico para a institución académica, posto que “o alumnado da Universidade vén todos os anos a facer visitas de estudo”. Ademais, indica que “os datos que se obteñen no observatorio serven de apoio para teses de doutoramento, traballos fin de grao ou fin de mestrado”.

O primeiro observatorio público de Galicia

O Observatorio Astronómico de Forcarei está xestionado pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3) e a Universidade de Vigo forma parte do seu padroado xunto coa Asociación Astronómica de Vigo, o Concello de Forcarei e unha serie de persoas físicas. Foi o primeiro observatorio de carácter público en Galicia e ten como obxectivos a formación, a divulgación científica e o desenvolvemento de traballos de investigación e innovación tanto da Universidade de Vigo como doutras institucións ou grupos de investigación.