DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica aboa arredor de 500.000 euros anuais en concepto de Imposto de Bens Inmobles

Universidade e Concello acordan que o importe do IBI reverta na organización de actividades conxuntas

Asinarase un convenio en datas próximas para ratificalo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 11/12/2018

A xestión do IBI e a mellora do transporte ao campus eran dúas das prioridades que o equipo de goberno da Universidade lle trasladou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, na primeira xuntanza mantida poucos días despois da toma de posición do novo reitor, Manuel Reigosa, no mes de xuño. Agora, seis meses despois desa primeira cita, comezan a verse os resultados das negociacións e, tras unha nova reunión este martes no Concello, o alcalde anunciou que ambas institucións asinarán un convenio para que “o que a Universidade ten que aboar ao Concello polos terreos e os edificios que son susceptibles de pagar o Imposto de Bens Inmobles se dedique á organización de actividades que se acorden” entre ambas institucións. 

O anunciou foi feito público polo rexedor tras unha xuntanza con Reigosa e o vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, José Luis Míguez Tabarés. “Estamos nunha época nova e distinta, temos unha gran relación coa Universidade e moitos acordos en diferentes eidos”, apuntaba Caballero, ao que agora se suma este, que porá fin a unha longa negociación entre ambas institucións para abordar tanto a débeda que a Universidade mantén coa administración local en relación co pago do IBI, como a bonificación da cota anual deste imposto, que se estima en 500.000 euros. Agora ambos organismos deberán delimitar a natureza das actividades que se incluirán neste acordo e ratificalo a través dun convenio de colaboración.

Os Vitrasa da mañá adianta 15 minutos o seu horario

Outro dos temas que se abordaron nesta reunión foi a mellora do transporte ao campus. Abel Caballero explicou que, tal e como demandaba a comunidade universitaria, xa que procedeu a modificar o horario dos autobuses de Vitrasa, que adiantaron a súa saúda 15 minutos pola mañá, “para chegar a unha hora compatible co inicio das clases”, de xeito que o U1 sairá da Praza América e Fragoso ás 08.07 h e o U2 partirá de Gran Vía ás 07.55 h.