DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Mª Cristina Cid asinaron este luns un convenio con este obxectivo

Universidade e Concello de Allariz renovan por catro anos máis a súa colaboración arqueolóxica

O Geaat continuará estudando a ‘Cibdá’ romana de Armea e o Castelo de Todea

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Reitor
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/05/2019

Desde o ano 2011 o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo traballa co Concello de Allariz no estudo e valorización do seu patrimonio arqueolóxico, concretamente do Monte do Señoriño, a ‘Cibdá’ romana ou Castro de Armea e o Castelo de Todea. Este luns, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Mª Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, asinaron un convenio específico de colaboración para dar continuidade durante catro anos máis a esta colaboración na que o concello ourensán ten investido arredor de 150.000 euros.

Unha relación frutífera

Trala sinatura, Manuel Reigosa quixo dar os parabéns polo traballo feito ata o de agora tanto ao Concello de Allariz como á Facultade de Historia e ao Geaat. “A Universidade ten a obriga moral de estar en todas estas actividades que supoñan desvelar o pasado da nosa cultura e do noso pobo e ademais pór en valor isto”, dixo o reitor amosando a súa confianza en que esta nova etapa do proxecto “sexa un novo éxito tanto para a comunidade científica como a comunidade cultural”. Pola súa banda, Mª Cristina Cid salientou a relación “de moi boa saúde” que une á Universidade con este concello desde o ano 2011. Así, a alcaldesa recalcou como esta colaboración “non fai posible só que coñezamos o noso pasado senón que nos posibilita poñelo en valor e que iso cree dinamización económica”. Amosando a súa confianza en que “o xacemento nos vai a dar moitos anos de relación e de traballo”, Cid adiantou como o obxectivo é continuar as intervencións tanto no Castelo de Todea como no Castro de Armea, indicando neste último caso como están traballando para ter máis terreos para ampliar a zona de escavación.  

Como decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda subliñou como esta iniciativa se enmarca no compromiso do centro por interaccionar coa contorna e quixo agradecer especialmente o feito de que Allariz “foi o primeiro concello que confiou en nós para levar a cabo este tipo de tarefas que hoxe en día se estenderon a máis concellos, pero eles foron os pioneiros”. O Proxecto Armea, indicou a decana, “é a día de hoxe o proxecto máis lonxevo da facultade” e “é un referente para a arqueoloxía galega e peninsular”. En nome dos investigadores líderes do proxecto, os profesores da Facultade de Historia Adolfo Fernández e Fermín Pérez, Susana Reboreda lembrou como o proxecto naceu no ano 2011 coa escavación e investigación do xacemento do Monte do Señoriño, continuando ata 2013, o que “permitiu unha escavación de practicamente todo o xacemento e a súa posta en valor”. En 2014, detallou, asinouse un novo contrato, esta vez enfocado á 'Cibdá' de Armea, onde Francisco Conde-Valvís escavara nos anos 50. “Dende aquela vense escavando, conservando e musealizando sistematicamente cada ano a 'Cibdá' romana de Armea”, indicou Reboreda. A estes traballo engadiuse o realizado no Castelo de Todea desde o ano 2016.

Catro anos de convenio

O convenio asinado este luns, que ten unha duración de catro anos e renova o asinado en 2015, abrangue o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) na área arqueolóxica do Castro de Armea e a súa contorna (parroquia de Santa Mariña de Augas Santas). Tamén contempla a organización e realización de actividades académicas, labores de coordinación e dirección científica de índole histórico-arqueolóxica ou patrimonial e a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa, doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Allariz.

Para levar a cabo estas actividades e proxectos, a Universidade de Vigo achegará os medios humanos necesarios, preferentemente adscritos ao Geaat, así como tamén aportará os medios técnicos e científicos dos que dispoña. Pola súa parte, o Concello de Allariz comprométese a sufragar os gastos derivados da intervención ou proxecto concreto, achegando asemade os medios materiais e humanos dos que dispoña, segundo o proxecto anual aprobado no primeiro cuadrimestre de cada ano. O convenio recolle o compromiso de, cando menos, levar a cabo unha actividade ou proxecto anual, preferentemente unha campaña de escavación estival no Castro de Armea, durante os catro anos de vixencia.

Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica

A preguntas das xornalistas, o reitor da Universidade de Vigo tamén se referiu na súa visita ao campus de Ourense ao estado da tramitación do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. En primeiro lugar, Manuel Reigosa quixo subliñar como “nós estamos moi contentos coa Escola de Aeronáutica en Ourense. Creo que estamos a dar os pasos precisos para que se consolide o grao e para nós é tamén importantísimo que se consolide un mestrado, que é un mestrado profesionalizante”. O reitor aclarou como neste momento "o que hai enriba da mesa da consellería son dúas propostas: unha feita pola Universidade de Vigo, de 90 créditos, e outra feita pola Universidade da Coruña". “Eu creo que en principio está garantido que a titulación se vai a implantar en Ourense, que se van a dar as clases en Ourense e co liderado da escola, como é lóxico”, afirmou.

Reigosa indicou como “falei coa conselleira e con outros cargos da consellaría e garántenos que en todo caso se a titulación se impartise como unha titulación interuniversitaria impartiríase en Ourense e desde logo Ourense, a nosa escola, tería a coordinación”. O reitor lembrou como “hai un acordo asinado polos tres reitores de hai dous anos e asinado tamén pola consellería polo cal todas as titulacións de mestrado cando unha universidade non propoñente quere entrar nese mestrado ten dereito a entrar”. “Nós defendemos a proposta da Universidade de Vigo pero tamén entendemos que hai unha normativa anterior pola cal predominan as titulacións de mestrado interuniversitarios”, comentou o reitor sobre o feito de que a titulación poida ser interuniversitaria. Apuntando que descoñece a decisión que vai a tomar a Consellaría de Educación, Reigosa amosou a súa confianza en que a Xunta de Galicia non permita que “haxa dúas de titulacións de mestrado semellantes” e recalcou como “estou seguro de que aquí se vai a implantar, que vai ter moito éxito e que vai a proporcionar aos alumnos que a sigan todas as capacitacións técnicas precisas para a súa andaina profesional”.