DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o alcalde reuníronse este luns para afondar neste acordo de colaboración

Universidade e Concello asinarán un convenio para a construción do skate-park e a reurbanización do campus

O grao en Deseño e os usos do edificio de Benito Corbal foron outras das cuestións abordadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/03/2021

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantivo este luns unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, centrada no convenio que ambas institucións asinarán proximamente para a construción dun skate-park e a reurbanización do campus da Xunqueira. O borrador deste acordo contempla por unha banda a cesión por parte da institución académica dunha parcela de 2100 metros cadrados para que o Concello poida construír un skate-park na Xunqueira, e por outra, a elaboración por parte da administración local dun proxecto para a “reurbanización dos espazos de mobilidade do campus”, segundo informou este luns o Concello. 

A reunión, na que tamén participou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, en representación da concelleira de Universidades, Yoya Blanco, que non puido asistir, tivo como obxectivo “ir perfilando” ese futuro convenio, cuxo borrador atópanse estudando os servizos xurídicos. Segundo informou o Concello, este acordo de colaboración implicaría por unha banda a concesión demanial, durante 15 anos con posibilidade de prórrogas, dunha parcela situada no acceso ao campus da Xunqueira, na que o Concello prevé instalar o skate-park, obra para a ten previsto un investimento de máis de 560.000 euros. Tratarase, segundo informou a administración municipal, dunha “combinación de dous skate-park prazas enlazadas por un espazo elevado intermedio”, que se situarán en paralelo á zona de paseo que atravesa esta parcela. Á súa vez, o Concello tería a obriga de elaborar un proxecto para a reurbanización de espazos como beirarrúas e calzadas, co obxectivo de “estender o modelo da cidade” nos espazos do campus, labor para a que, como explica o Concello, a administración municipal “dispón de técnicos moi cualificados”.

Grao en Deseño e edificio de Benito Corbal

Ademais deste futuro convenio, reitor e alcalde tamén abordaron nesta xuntanza outras cuestións, como o proceso para a implantación no campus do novo grao en Deseño, que se atopa nestes momentos pendente dun informe solicitado pola Xunta de Galicia. Reigosa e Fernández Lores abordaron tamén, segundo recolle o Concello, a situación das tres plantas que a Universidade de Vigo terá a súa disposición no antigo edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal.