DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O GEAAT participará na intervención do castro do Alto de Acea

A Universidade e o Concello de Baños de Molgas colaborarán no eido arqueolóxico

Tras a sinatura de varios convenios de colaboración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Reitor
  • Investigación
DUVI Ourense 15/03/2021

A Universidade de Vigo e o concello ourensán de Baños de Molgas colaborarán no eido arqueolóxico. Concretamente, o Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) participará no desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) no castro do Alto de Acea, tamén coñecido como Outeiro do Castro.

A iniciativa nace froito dun convenio marco e outro específico de colaboración asinados a pasada semana entre Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Xaime Iglesias, alcalde do Concello de Baños de Molgas. Sobre esta colaboración, o reitor da institución académica destacou que se trata “dunha iniciativa moi boa” e agradeceu ao concello ourensán “pola confianza depositada nos nosos investigadores e investigadoras”. Amosando o seu orgullo polo traballo desenvolvido no eido arqueolóxico polo GEAAT e a Facultade de Historia do campus de Ourense, Reigosa recalcou tras a sinatura como “para nós é moi importante traballar coa xente, cos concellos e coas institucións da nosa contorna porque pensamos que entre todos podemos pór moito máis en valor o noso patrimonio histórico e cultural, patrimonio que pode ter un uso turístico e tamén atraer riqueza”.

Igualmente, o alcalde de Baños de Molgas amosou a súa satisfacción pola posta en marcha desta colaboración coa Universidade de Vigo para poder continuar avanzando “nas cuestións que temos abertas en temas de patrimonio”. Concretamente, indicou, a colaboración permitirá avanzar nos traballos no castro do Alto de Acea, un castro que, indicou, “tennos dado nas dúas últimas campañas moitas alegrías”. Aínda que pola situación provocada pola pandemia o alcalde explicou que non é o momento propicio “para facer grandes investimentos”, sinalou como “si temos que manter a espita de poder seguir facendo algo”. Neste senso, indicou como aínda que este ano se desenvolverá “unha campaña que vai ser moi cortiña, cun orzamento pequeno” será “o inicio dunha colaboración por moitos anos”. Tras a sinatura do convenio, o reitor, o alcalde e outros membros da institución académica e municipal, como Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, visitaron o enclave arqueolóxico.  

Intervención e prácticas

O convenio marco de colaboración asinado entre a institución académica e o concello ourensán nace, tal e como recolle o documento, “do interese común de promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade” e co propósito de “realizar actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións” implicadas. Este convenio marco ten unha duración de 4 anos. Pola súa banda, o convenio específico asinado contempla o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxicos na área do castro do Alto de Acea e a súa contorna, a parroquia de Santo Estevo de Ambía. Trátase dun xacemento castrexo de forma elíptica (de 190x150 metros), emprazado nunha cima cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia, que marca a división entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Desde o ano 2017, no enclave véñense desenvolvendo anualmente intervencións arqueolóxicas baixo a dirección do arqueólogo e egresado da UVigo David Pérez, traballos aos que se lle dará continuidade e pulo co convenio asinado agora entre a institución académica e o concello ourensán.

Tamén abrangue o acordo específico a organización e realización de actividades académicas relacionadas ou resultantes destes proxectos de investigación arqueolóxica, tales como a participación nas escavacións en réxime de prácticas oficiais de alumnado da UVigo (do Grao en Xeografía e Historia, do programa conxunto dos graos de Turismo e Xeografía e Historia ou asimilables); apoio a investigadores e investigadoras en formación (mestrado ou doutoramento); presentación de comunicacións en congresos ou simposios científicos (estatais ou internacionais); organización de exposicións ou visitas guiadas e impartición de charlas ou conferencias divulgativas, entre outras actividades. Ademais, o convenio inclúe labores de coordinación e dirección científica centralizada de todos os traballos e proxectos de índole histórico-arqueolóxica ou patrimonial que, sendo alleos á Universidade de Vigo, se estean a realizar ou poidan realizarse no futuro nesta área arqueolóxica, incluíndo a elaboración, redacción e posta en funcionamento dun plan director para o conxunto histórico e patrimonial de Outeiro do Castro. Por último, o convenio recolle a “asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa, doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Baños de Molgas, sempre que sexan de interese mutuo entre as partes”.

Para levar a cabo estas actividades e proxectos, a Universidade de Vigo achegará os medios humanos necesarios, preferentemente do Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, así como medios técnicos e científicos. Pola súa parte, o Concello de Baños de Molgas comprométese a sufragar os gastos derivados da intervención ou proxecto concreto, achegando asemade medios materiais e humanos (maquinaria, persoal auxiliar, etc.). Está prevista a realización de, cando menos, unha actividade ou proxecto anual, preferentemente unha campaña de escavación estival, e o orzamento que se estima por parte do concello ourensá é de arredor de 5000 euros anuais.