DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e vicerreitor de campus mantiveron unha reunión co alcalde de Pontevedra

Universidade e Concello traballarán da man na potenciación do campus

Reigosa insistiu no obxectivo dunha nova titulación, previa á abordaxe de posibles infraestruturas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/06/2018

O novo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acompañado polo vicerreitor de campus, Jorge Soto, mantivo este luns á súa primeira reunión institucional co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que serviu aos representantes de ambas institucións para reafirmar a súa vontade de colaboración e traballo conxunto na potenciación do campus pontevedrés. Nese senso, Fernández Lores recalcou a vontade do Concello de traballar conxuntamente e “buscar sinerxías paras potenciar o campus de Pontevedra a súa interrelación coa cidade”, tras unha xuntanza na que participou tamén a concelleira de Educación, Carme Fouces, e trala que Reigosa puxo o acento na “ampla dispoñibilidade” do Concello para colaborar “en beneficio tanto da institución universitaria como da cidadanía”. Así mesmo, o reitor incidiu tamén en que un dos obxectivos do novo equipo é traballar na consecución dun novo grao para o campus unha vez se abra de novo o mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia.

Planificación a longo prazo

“Durante o 2019 imos negociar coa Consellería novas titulacións e unha vez teñamos enriba da mesa o plano final de titulacións que haberá neste campus, que xa está especializado como Campus Crea, haberá que pensar en pechar un pouco o campus universitario físico e haberá que construír”, respondeu Reigosa a preguntas dos xornalistas respecto de se o novo equipo tiña previsto estudar o proxecto dunha nova sede para Belas Artes formulado no seu día como o Edificio das Artes. Neste punto, Reigosa recoñeceu na comparecencia posterior a esta recepción que aínda que a institución académica “agradece extraordinariamente” a cesión do antigo cuartel de San Fernando, actual sede da Facultade de Belas Artes, o edifico “non está a cubrir todas as necesidades”, motivo polo que recoñeceu a posibilidade de estudar outras opcións, sempre dentro dunha “planificación máis a longo prazo”.

Nese senso, Reigosa subliñou a vontade da institución académica de tratar de implantar unha nova titulación no campus pontevedrés, “que aproveite as sinerxías das titulacións xa existentes”, unha vez se inicien as negociacións para a definición dun novo mapa de titulacións posterior ao xa acordado o pasado mes de outubro polas tres universidades e a Xunta de Galicia para o período 2017-2021, e no que xa está previsto a implantación no campus do grao en Deseño e Creación, do que “estamos aínda negociando algúns flocos”, de cara a definir o curso no que se poría en marcha, explicou. Será a partires da definición dese novo mapa que comezaría no ano 2021 cando “haberá que pensar” en posibles novas infraestruturas, engadiu Reigosa, que nese senso recoñeceu o proxecto do Edificio das Artes como “dificilmente asumible” xa que, a pesares de ser un edificio “obviamente moi valioso”, era tamén “enormemente caro”, motivo polo que subliñou que “nós apostaremos por edificios máis sostibles, máis intelixentes e máis acaídos para o medio ambiente”. 

Potenciar unhas relacións “excelentes”

Como unha “visita obrigada” de cara a manter “as relacións excelentes que sempre tivemos entre a Universidade e o Concello”, definiu Reigosa o encontro mantido esta mañá co rexedor pontevedrés, e que dando continuidade á xuntanza que, trala toma de posesión do novo equipo, mantiveron Fernández Lores e Jorge Soto, serviu para reafirmar que “haberá bastantes iniciativas que nos permitan traballar conxuntamente”. Nese mesmo senso, o alcalde incidiu en que a relación entre as dúas institucións “é cada vez maior”, á vez que lembrou que Pontevedra “debe ser unha cidade creativa da man do propio campus” e doutros sectores da cidade. “Queremos ter a máxima colaboración coa campus e coa Universidade. Cremos que Universidade e cidade teñen que ir da man e que en Pontevedra temos un campus con moitísimo futuro”, engadiu o alcalde, ao que o vicerreitor do campus agradeceu a súa dispoñibilidade para “traballar a prol dunha Universidade forte e dunha cidade forte". Jorge Soto así mesmo subliñou a existencia de “moitas fortalezas” que contribuirán a “incrementar o traballo entre ambas institucións”.