DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa solicita reforzos en horas punta e unha estación de transferencia en Porto do Molle

Universidade, Concello e Zona Franca traballarán para mellorar o transporte ao campus desde Vigo e o Val Miñor 

Caballero avanza que o acordo para o pago dos atrasos do IBI está case resolto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 10/10/2019

As melloras no transporte colectivo desde Vigo e o Val Miñor ao campus vigués e o pago do IBI foron as cuestións que centraron a xuntanza que esta mañá mantiveron en dependencias do Concello de Vigo, o alcalde, Abel Caballero; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades. “Estamos moi satisfeitos con esta xuntanza”, asegurou Reigosa, unha vez finaliza a reunión, e sobre a que o reitor confirmou o acordo existente entre as tres institucións para reforzar nas horas punta as liñas de autobús U1,U2, C15 e L8, que unen distintos puntos de Vigo co campus, así como a posta en funcionamento dunha estación de transferencia de pasaxeiros en Porto do Molle (Nigrán), co obxectivo de mellorar o transporte co Val Miñor. “Hai acordo total entre as institucións e logo traballaremos desde un punto de vista máis técnico con Vitrasa e coas empresas que fan o transporte desde o Val Miñor”, explicou Reigosa, que confirmou que “estamos expectantes ante a posibilidade de que mellore o transporte ao campus, que é unha petición dos estudantes de Vigo e do Val Miñor e coa acollida do alcalde e do delegado de Zona Franca, imos traballar para que isto sexa unha realidade o antes posible”.

Tanto o reitor, como alcalde, destacaron a importancia de mellorar o transporte ao campus de Vigo nas horas punta, en especial a primeira hora da mañá, e incidiron na mellora que suporía para os estudantado do Val Miñor dispor dunha estación de transferencia de pasaxeiros en Porto do Molle, que permitiría que varias liñas conflúan e que se poida chegar ao campus. “As perspectivas son boas, queda traballo por facer, pero esperamos que sexa unha mellora para os nosos estudantes”, asegurou o reitor, que asistiu á reunión no Concello acompañado polo vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, José Luis Míguez.

Practicamente acordado como abordar os pagos pendentes do IBI

Pola súa banda, na súa comparecencia diaria antes os medios, o alcalde avanzou que está practicamente acordado como a Universidade abordaría os pagos pendentes do IBI ao Concello. Caballero lembrou que a institución académica está obrigada a pagar por sentenza xudicial, o que podería facer de xeito fraccionado. “Neste intre está practicamente acordado como imos facer e isto significa que na medida que se resolva este problema xa poderá recibir a Universidade a subvención de 300.000 euros que nós facemos anualmente aos efectos de favorecer actividades, como promocionar o deporte, axudas de comedor para estudantes e determinadas accións relacionadas co transporte”, sinalou o alcalde, que lembrou que eses 300.000 euros son independentes do case millón de euros que o Concello destina para subvencionar o transporte á Universidade.