DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático e investigador do grupo GEN, Santiago Lago, será o director

Universidade e Consellería de Facenda poñen en marcha a Cátedra Institucional de Finanzas Autonómicas

O obxectivo é mellorar o coñecemento do funcionamento financeiro das autonomías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 18/05/2021

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, asinaron este martes un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha da Cátedra Institucional de Finanzas Autonómicas. A finalidade desta cátedra é mellorar o coñecemento do funcionamento financeiro das autonomías a través de cursos, xornadas e conferencias neste eido. Á súa fronte estará o catedrático e investigador do grupo GEN, Santiago Lago. 

O obxectivo da Consellería de Facenda e Administración Pública con este acordo é fomentar e promocionar todas aquelas actividades que estuden, analicen e investiguen sobre o financiamento autonómico e a economía pública. Pola súa banda, a Universidade de Vigo potenciará as súas liñas de investigación no ámbito da economía e das finanzas públicas autonómicas.

Un novo pulo para RIFDE

A cátedra estará coordinada polo grupo GEN (Governance and Economics research Network) a través dunha das súas liñas de investigación: a Rede de investigadores en Financiación Autonómica e Descentralización Financeira en España (RIFDE). Esta rede, creada 2013, conta con 80 investigadores e investigadoras pertencentes ás universidades de Vigo, Oviedo, La Laguna, A Coruña, Sevilla, UNED, Zaragoza, Barcelona, Santiago, Navarra, Duke, Cantabria, Estremadura, Abat Oliva CEU, Complutense, Rey Juan Carlos, Valencia, Málaga, Autónoma de Madrid, Internacional de Andalucía, Pompeu Fabra, York, Pablo Olavide, Georgia State, Autónoma de Barcelona, Illes Balears, Castilla La Mancha, Carlos III e País Vasco, xunto con representantes de institucións como AFI, Consellería de Facenda, IVIE, Instituto de Estudios Fiscales, Fedea, OECD, CSIC, Banco de España, Ituna Center, Sindicatura de Cuentas de Asturias, Banco Iberoamericano de Desarrollo ou o Consello de Contas.

Toda esta rede de académicos e técnicos está coordinada polo grupo GEN e, dende o seu nacemento, converteuse nunha plataforma de coñecemento aplicado dende as universidades e outras institucións de investigación cara ao tecido socio-político. Para iso desenvolveron seminarios e conferencias para debater sobre o sistema descentralizado español e publicaron informes monográficos sobre diversas temáticas como os desafíos da descentralización, a estabilidade orzamentaria e a sostibilidade financeira das comunidades autónomas ou a nivelación interterritorial  e a estimación das necesidades de gasto.

Coa posta en marcha desta cátedra da man da Consellería de Facenda, RIFDE poderá contar cunha maior capacidade financeira e organizativa para o desenvolvemento das súas actividades, como a organización de cursos, xornadas, conferencias, seminarios, ou a difusión de estudos sobre financiamento autonómico para que sexan coñecidos polos distintos sectores da sociedade.