DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

A Universidade consolida a súa aposta pola investigación biomédica coa posta en marcha das seis primeiras unidades mixtas

Ambas institucións colaboran coa Consellería na creación do Instituto de Investigación Sanitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 15/04/2008

A investigación e a produción científica son na actualidade e, sobre todo serán no futuro, as bandeiras das sociedades máis desenvolvidas. Pero no mundo actual é imposible acadar as cotas de excelencia necesarias para situarse na vangarda se se traballa en solitario. Neste sentido, a Universidade de Vigo e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo están a traballar conxuntamente mediante a posta en marcha de unidades compartidas que este martes se presentaron no transcurso das I Xornadas de Investigación Biomédica.
Segundo salientou o reitor, Alberto Gago, “a Universidade é unha institución cunha forte vocación de I+D+i e de transferencia e entre os obxectivos estratéxicos de investigación que máis importancia teñen, dende o noso punto de vista, están os relativos á investigación biomédica”. Na inauguración desta xornada, a conselleira de Sanidade, María José Rubio, afirmou que “a xeración e transferencia de coñecemento en biomedicina e ciencias da saúde precisa do traballo de equipos de investigadores multidisciplinares, básicos, clínicos e epidemiolóxicos, cercanía dos pacientes e con capacidade de coordinación con outros equipos”. Con este obxectivo puxéronse en marcha as unidades mixtas nas que investigadores da Universidade e do Chuvi traballarán conxuntamente potenciando e desenvolvendo a masa crítica necesaria e formalizando os contactos e colaboración que xa se viñan desenvolvendo.
En total son seis unidades mixtas coordinadas por un representante da Universidade e outro do Chuvi que traballarán en temas como as enfermidades relacionadas coa glándula tiroides; no ámbito da inmunoloxía; en bioinformática translacional; en innovación biomédica-quirúrxica, bioinformática e proteómica analítica; nun proxecto de monitorización ambulatoria de riscos cardiovasculares e en biomarcadores moleculares en patoloxías respiratorias.

Novas infraestruturas e ferramentas de traballo

Segundo o reitor, esta colaboración permitirá a utilización de instalacións e equipamentos “como se todos os membros da unidade foran de ámbalas dúas institucións e, asemade, xa estamos tendo éxito en convocatorias competitivas externas para a posta en marcha de instalacións de uso conxunto, como o Módulo Biosanitario, que inclúe un animalario, que estará a disposición de toda a comunidade científica no campus”. Por outra banda, Gago tamén se referiu ao Centro de Investigación Biomédica que se aprobou o pasado ano e que pode estar en funcionamento a finais do 2009 ou principios de 2010.
Neste mesmo sentido, tanto o reitor como a conselleira se referiron a un futuro Instituto de Investigación Sanitaria que, segundo esta última, “será o impulso definitivo para que a actividade investigadora en biomedicina e ciencias da saúde na área de Vigo se sitúe no nivel que lle corresponde pola complexidade dos seus centros sanitarios e a actividade da Universidade, e que constitúa un polo de atracción para investigadores que agora traballan fóra de Galicia”. Así, Mª José Rubio afirmou que “o orzamento dedicado en 2007 a proxectos de investigación, de 450.00 euros, incrementouse este ano ata 675.000 euros, o que supón un incremento do 50% nun só ano”.
O xerente do Chuvi, José Luís Díaz, explicou que “a investigación, para ser competitiva, ten que xuntar forzas e ter masa crítica sumando todos os efectivos posibles”. No que se refire ao Instituto de Investigación Sanitaria, Díaz subliñou que se trata dunha iniciativa que pretende crear arredor dos hospitais unhas estruturas flexibles “pero con regras que permitan traballar en conxunto, para o que está en marcha a creación de tres institutos deste tipo en Galicia, un deles o de Vigo no que estarán unidos hospitais e Universidade”. Neste camiñar conxunto, o xerente do Chuvi destacou a importancia “non só das institucións senón dos grupos de xente con enerxía, de investigadores e científicos” e adiantou que as dúas partes agardan poder formalizar esta colaboración nun convenio ou acordo estruturado”.

Presentación das unidades e dos grupos

Esta I Xornada de Investigación Biomédica en Vigo serviu para presentar oficialmente as seis unidades mixtas de investigación e, segundo Ángel Rodríguez de Lera, director da Área de I+D da Universidade, “esperamos que teña continuidade anual para darlle presenza ás unidades e aos grupos”. Os coordinadores das unidades expuxeron as liñas de investigación e metodoloxías de traballo ante as autoridades e a nutrida comunidade científica asistente, xa que estaban presentes representantes de grupos, tanto da Universidade como do Chuvi, vinculados ao ámbito biosanitario. Estes grupos de investigación, que tamén contaron cunha presentación individualizada, poderán colaborar coas unidades dun xeito puntual ou ben establecer liñas conxuntas de actuación.
África González, profesora da Universidade de Vigo, será a encargada de coordinar a unidade de Inmunoloxía xunto co doutor Francisco Gambón. Segundo subliña a docente “coa posta en marcha da unidade fortaleceremos a relación que xa tiñamos entre os dous grupos” para traballar na inmunoloxía do cancro, en nanomedicina, en inmunodetección ou no desenvolvemento de vacinas por vía nasal mediante nanopartículas.
Outros dos investigadores involucrados nestas unidades son Diana Valverde, da Facultade de Bioloxía, que coordina o grupo GENFERTI que traballa con enfermidades da tiroides; Florentino Fernández, da ESE Informática, coordinador da unidade IMBIT de bioinformática translacional; Ana Gago, da Facultade de Química, coordina INBIOPROT, que traballa en innovación biomédica e quirúrxica e bioinformática; Ramón Hermida, da ETSE Telecomunicacións, que traballa na monitorización ambulatoria na valoración global do risco cardiovascular e María Páez de la Cadena, da Facultade de Bioloxía, que coordina a unidade BMPR, de biomarcadores moleculares en patoloxías respiratorias.