DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade conta anualmente con máis de 400 contratos con empresas

Segundo explicou o Reitor nunha conferencia enmarcada na Cátedra Álvarez Ossorio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 17/11/2007

“O máis próximo é o máis descoñecido…, hoxe gustaríame que coñezan quen somos, qué facemos, cómo chegamos ata aquí, os nosos logros, os nosos obxectivos, a nosa evolución”. Con estas palabras comezou o Reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, a sesión inaugural do ciclo de conferencias da Cátedra Álvarez Ossorio para o curso académico 2007- 2008 no Centro Social de Caixanova en Pontevedra.
No relatorio, o Reitor fixo un percorrido polos dazasete anos de vida da Universidade, afondando tamén nos seus comezos como CUVI en 1977 e ata a situación actual e os seus proxectos de futuro. Pasando por una etapa de expansión (1990 – 1997) e unha de reubicación (1998- 2005), a institución académica aposta agora por “unha Universidade volcada na empresa e na transferencia de coñecementos, trátase de apostar polo I+D+i”, explicou Alberto Gago. “Actualmente a Universidade de Vigo conta con máis de 400 contratos anuais con empresas e esta relación empresa-universidade desemboca na creación da Cidade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi), centro cunha xerencia externa independente co único obxectivo de promover actividades de I+D+i. Tal é o éxito deste proxecto que xa está deseñada a segunda fase de Citexvi”, engadiu.
Finalmente, Alberto Gago tamén mencionou o tema da reforma das titulacións en España. “O futuro está por chegar e dentro deste futuro está a reforma das titulacións que pretende transformar os títulos actuais nun novo esquema de graos e posgraos”, comentou. Xa para rematar subliñou, acerca do plan estratéxico 2008-2012 que se presentará no mes de xaneiro, que será a primeira vez que a Universidade defina as súas liñas estratéxicas e, polo tanto, definirá as súas apostas de futuro.
No relatorio, enmarcado dentro da cátedra Almirante Álvarez-Ossorio que a Universidade de Vigo mantén conxuntamente coa Escola Naval Militar de Marín, tamén participaron o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area; o subdirector xeral e director de Relacións Institucionais de Caixanova en Pontevedra, Antonio Gómez Rivera; o director de Ensino Naval da Armada, José Antonio Ruesta Botella; o director da Escola Naval Militar de Marín, José Luis Urcelay Verdugo, e o capitán de navío, Gabriel Martínez Ratero.

A Cátedra Álvarez Ossorio

A Cátedra Álvarez-Ossorio ten a súa orixe no convenio de colaboración asinado pola Universidade e o Ministerio de Defensa en 1993 que se materializou coa creación da ETEA. A cátedra trasladouse á Escola Naval Militar de Marín en 2002 despois de clausurada esta co obxectivo de desenvolver actividades relacionadas con temas culturais, científicos e humanísticos de promoción conxunta. Ademais, tamén se teñen realizado intercambios de profesorado entre a Universidade e a Escola Naval Militar de Marín co fin de impartir diversas conferencias do ámbito tecnolóxico ao tempo que se ofrece a posibilidade aos estudantes de visitar as instalacións da Escola e buques da Armada equipados con alta tecnoloxía.