DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofértanse tres modalidades en función da situación familiar e económica

A Universidade convoca axudas para o alumnado en circunstancias especiais

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 16 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 08/05/2019

Consciente de que parte do seu alumnado sofre circunstancias económicas ás veces moi adversas, a Universidade de Vigo aposta por poñer en marcha medidas que eviten que estas dificultades deriven no abandono dos estudos. Para isto, a institución académica ten aberta ata o 16 deste mes de maio unha convocatoria de axudas para o estudantado con circunstancias económicas ou familiares especiais que lle impiden ou dificultan afrontar os gastos derivados da actividade académica. Estas bolsas están destinadas ao alumnado matriculado no presente curso en estudos oficiais de grao, mestrado e doutoramento.

Para estas axudas a institución académica destinará un total de 90.000 euros, que cubrirán as continxencias que poidan xurdir das actividades formativas e solucionar así as dificultades dos alumnos e alumnas en función da súa situación familiar e económica.

Tres modalidades

As bolsas están divididas en tres modalidades e cada unha delas cubre un tipo de situación dentro de todos os problemas que pode ter o estudantado no momento de desenvolver con normalidade os seus estudos. As situacións que se contemplan para a concesión destas  axudas son o falecemento, separación ou divorcio, recoñecemento legal de discapacidade ou situación de desemprego dalgún dos sustentadores principais; así como, enfermidade grave dalgún membro familiar, ser vítima de violencia de xénero ou todas aquelas circunstancias nas que se poida situar a renda familiar en niveis que impliquen risco de exclusión social.

A primeira das axudas ofertadas, a da  modalidade A, está destinada ao estudantado que non cumpriu os requisitos académicos e/ou económicos das bolsas xerais do Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) por concorrencia de algunha circunstancia excepcional debidamente xustificada, como por exemplo falecemento ou desemprego dalgún dos sustentadores da familia, maternidade ou paternidade do estudante, enfermidade grave no núcleo familiar, etc . 

Na modalidade B poderán beneficiarse aqueles alumnos e alumnas que sexan vítimas de violencia de xénero. Por último, as axudas da modalidade C están destinadas ao alumnado que teña concedida a bolsa xeral do MEFP e teña dificultades económicas para o aboamento das materias en segunda matrícula.

Requisitos, contías e prazos

Para poder acceder as bolsas, as modalidades A e B teñen unha serie de requisitos académicos, mentres que tanto para as da modalidade A e C establécense uns requisitos económicos e patrimoniais, con varios limiares segundo a cantidade de membros da unidade familiar na que conviva o estudante. Mentres, para as bolsas destinadas a alumnado vítima de violencia de xénero, teñen que ter recoñecida a condición cunha anterioridade de polo menos 24 meses con respecto ao prazo de matrícula. 

No referido ás contías das axudas, para a modalidade A, serán de ata 2000 euros máis o importe dos prezos públicos dos créditos matriculados no presente curso académico, mentres que, na modalidade B, se aboará o importe dos prezos públicos dos créditos matriculados no presente curso, subvencionando a parte da matrícula que lles correspondía aos alumnos nesta situación antes dos cambios feitos nos requisitos das bolsas xerais do MEFP. Por último, as axudas da modalidade C cubrirán o importe dos prezos públicos das materias en segunda matrícula non cubertas pola bolsa MEFP.

O prazo de solicitude destas axudas permanecerá aberto ata o 16 de maio a través da páxina web da Universidade.