DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Nun contexto de baixada máis notable, estamos relativamente satisfeitos”, asegura Reigosa

A Universidade cubre o 96% das prazas de novo ingreso de grao ofertadas para este curso  

O reitor avanza a futura implantación de titulacións duais no ámbito da enxeñaría

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/02/2019

3606 alumnas e alumnos están matriculados a día hoxe nalgunha das 3770 prazas de novo ingreso dos 62 títulos de grao ofertados pola Universidade de Vigo este curso 2018-2019. Con estes datos, a taxa de ocupación global sitúase nun 96% mentres que no caso dos campus acada o 94,5% en Vigo; o 95,6% en Ourense e 97,4% no de Pontevedra. En canto á distribución por sexos, as mulleres representan o 50,44% do alumnado do novo ingreso matriculado nos graos e os homes o 49,55% restante. Das 3606 matriculacións de novo ingreso, 1978 corresponden ao campus de Vigo, o que representa o 54,8% do total; 890 ao campus de Ourense (24,6%) e 738 a Pontevedra (20,4%). 

“Estamos relativamente satisfeitos coa baixada tan lixeira que experimentamos (92 estudantes menos en titulacións de grao de novo ingreso respecto do curso pasado), porque os datos do SUG en xeral son peores, con baixadas máis profundas e no Estado, coa excepción dalgunha comunidade autónoma, que sube nos mestrados, é negativa por mor da demografía que nos dá desgustos”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que xunto á vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, presentou hoxe os datos de matrícula rexistrados na Universidade de Vigo este curso, no que o número total de estudantes matriculados en todas as titulacións ascende a  20.473, dos que 10.603 son mulleres (51,79%)  e 9870 homes (48,20%). Do total de 20.473 persoas matriculadas, 19.859 corresponden a titulacións de grao, mestrado e programas de doutoramento e 614 a titulacións propias (49 a Deseño Téxtil e Moda e 565 aos estudos universitarios sénior). 

Reigosa e Caparrini referíronse tamén na súa intervención ás medidas que a institución académica porá en marcha en materia de captación de alumnado, entre as que destaca a futura implantación de titulacións duais no ámbito da enxeñaría, así como ao futuro das instalacións da ETEA destinadas a Campus do Mar.

Titulacións duais, promoción das saídas profesionais e internacionalización

A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria foi a encargada de debullar os datos de matrícula de novo ingreso en titulacións de grao e mestrado, así como os datos globais rexistrados no curso 2018-2019. No caso dos 3606 alumnas e alumnos matriculados nas prazas de novo ingreso dos títulos de grao, Caparrini confirmou que o ámbito de Ciencias Sociais e Xurídicas é o que rexistra o maior número de estudantes cun total de 1734, seguido do ámbito de Enxeñaría e Arquitectura con 954; Artes e Humanidades con 354; Ciencias da Saúde con 278 e Ciencias con 286. Pola súa banda as titulacións de mestrado, un total de 63 este curso 2018-2019, rexistran a día de hoxe 1259 estudantes matriculados de novo ingreso, dos que 718 son mulleres e 541 homes. 

No caso da matrícula en todas as titulacións que se imparten neste curso na Universidade de Vigo, Caparrini sinalou que do global de 20.473 de persoas matriculadas 11.205 corresponden ao campus de Vigo; 4606 ao de Ourense e 4048 a Pontevedra. Por ámbitos de coñecemento o de Ciencias Sociais e Xurídicas é o que presenta o maior número de estudantes con 8915, seguido do de Enxeñaría e Arquitectura con 5366; Artes e Humanidades con 1759; Ciencias con 1401; titulacións sen asignación de ámbito 1267; e Ciencias da Saúde con 1151.

Tras incidir na baixada rexistrada na matrícula nas universidades pública españolas, como se recolle nun estudo realizado pola CRUE e asegurar que o SUG debe cubrir as demandas do alumnado de Galicia e traballar nun mellor axuste entre as necesidades do mercado e a formación que se oferta, o reitor enumerou unha serie de accións que a Universidade de Vigo porá en marcha para captar máis alumnado. A comunidade lusófona e os países de Iberoamérica son para Reigosa un caladoiro prioritario, sen esquecer outras latitudes, a través de oferta de titulacións con itinerarios en inglés. “Tamén traballamos na oferta de titulacións duais, unha novidade no sistema universitario español, nas que o alumnado faría 60 créditos en empresas, o que podería facilitar o seu encaixe laboral”, dixo o reitor, que apuntou que se está a avanzar na colaboración con empresas do sector, en titulacións duais no ámbito da enxeñaría concretamente en automoción, informática e telecomunicación. “A resposta das empresas está a ser moi positiva e agardamos que unha vez que se produza un acordo coa Xunta, en ano e medio poidamos ter os plans preparados para a súa acreditación e presentación”, avanzou Reigosa. 

Pola súa banda, Caparrini, que lembrou algunhas das accións incluídas no Plan de Captación de Alumnado que xa están a desenvolver, tamén se referiu a medidas concretas a aplicar no caso das titulacións que neste intre non acadan os mínimos de matrícula esixidos pola Xunta. “Temos medidas concretas para os títulos con máis problemas e é labor do equipo reitoral e das e dos responsables dos centros ver que podemos facer para promocionar esas titulacións, aínda que penso que a clave é darlle difusión ás saídas profesionais”, dixo a vicerreitora. O reitor, que coincidiu nesta análise apuntou que se está a traballar coa Xunta para ver como eses títulos poden continuar “porque a súa desaparición sería un empobrecemento do SUG. As negociacións non van mal e cremos que na maior parte dos casos poderemos solucionalo”, asegurou Reigosa.

Boas expectativas para o desenvolvemento do proxecto da ETEA

A preguntas dos xornalistas de como o anuncio electoral previsto para o vindeiro 28 de abril podería influír no desenvolvemento do proxecto da ETEA, Reigosa manifestou que non cre que se produzan atrancos, ao tempo expresou a súa satisfacción pola resposta obtida por parte da Consellería de Facenda, Zona Franca e o Concello de Vigo. “Onte tivemos en Santiago unha reunión de desbloqueo do plan sectorial, que esperamos que se produza en breve e así sexamos quen de avanzar con esta aposta científica”, avanzou o reitor, que lembrou que o apoio económico para o edificio Faraday está asegurado, así como que Zona Franca será quen se ocupe da parte de emprendemento e a Universidade da de I+D, “ademais de coincidir nos obxectivos do seu uso interno e externo para sentar as bases desta cidade do mar”, dixo o reitor.