DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de 10 países, participan nesta iniciativa de promoción de España como destino educativo

A Universidade dálle a benvida aos 32 estudantes internacionais do programa Campus Spain

Realizarán no Centro de Linguas un curso de español de 750 horas de duración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 04/10/2021

A sexta edición do programa Campus Spain achega á Universidade de Vigo unha trintena de estudantes procedentes, principalmente, de Asia e Oriente Medio. Este é un proxecto centrado na promoción de España como destino educativo e tamén ofrece asesoramento a alumnado internacional, tanto na xestión de visados como de permisos de estancia ou a admisión en universidades españolas. No marco desta iniciativa a Universidade de Vigo acollerá ao longo deste ano académico 32 estudantes procedentes de dez países, que realizarán da man do Centro de Linguas da UVigo o curso Español LCA, Lingua, Cultura e Adaptación á universidade española.

Este luns o campus deulles a benvida cun acto institucional no Edificio Ernestina Otero no que tomaron parte Mercedes Álvarez, coordinadora académica do Centro de Linguas, así como Gosia Kozyra e Gonzalo Martínez, de Campus Spain e as profesoras do curso, Ángeles Tomé, Lorena Rodríguez e Montserrat Villar, xunto con Ana Caamaño, técnica de Captación da UVigo.

Este grupo de alumnos e alumnas internacionais procede, principalmente, de países asiáticos e de oriente medio. Así, o grupo máis numeroso, de oito estudantes, chega dende Emiratos Árabes Unidos. Tamén hai tres grupos de cinco persoas de Malaisia, Indonesia e India, tres de Filipinas, dous de Arabia Saudí e cadanseu representantes de Estados Unidos, Marrocos, Ghana e Omán. En total son 18 homes e 14 mulleres, aínda que se esperan outras sete posibles incorporacións nos vindeiros meses procedentes de Arabia Saudita, India, Nepal e Filipinas.

750 horas de inmersión na lingua e a cultura españolas

O curso de Español LCA, que completarán ao longo da súa estadía en Vigo, comprende dúas modalidades, unha anual, na que os estudantes pasan na UVigo dez meses e outra semestral de sete meses. A docencia comprende un total de 750 horas de clases presenciais, traballo autónomo e actividades que será impartidas por profesorado do Centro de Linguas da Universidade co obxectivo acadar o nivel B2 de español. Pero o programa formativo durante a súa estadía comprende tamén propostas para que poidan coñecer a cultura española e galega, con actividades fóra de aula como un obradoiro de cociña ou visitas a lugares da cidade como o estadio de Balaídos, o Museo Etnográfico Liste, o Museo do Mar ou o museo Marco. Ademais, están tamén previstas excursións a diferentes lugares de Galicia como Pontevedra, Santiago, Baiona ou Santa Trega, etc.; a realización de xincanas e buscas de tesouros pola cidade de Vigo e incluso a realización dun tramo do Camiño de Santiago. Tamén poderán preparar, coa axuda de Campus Spain, todos os seus documentos para a admisión nos estudos de grao e posgrao nunha universidade española a partires do seguinte curso.