DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O potencial futuro alumnado recibe información sobre a oferta académica e servizos complementarios

A Universidade dáse a coñecer entre máis de 300 estudantes do Salnés nas Xornadas comarcais de orientación

A próxima semana celebraranse sesións no Barbanza e no Morrazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 08/11/2019

A idea é achegarse ao futuro alumnado universitario e tamén aos seus profesores e orientadores, ofrecerlles a información precisa sobre o proceso de acceso á Universidade e amosarlles toda a oferta académica e complementaria que ofrece a Universidade de Vigo. Con estes obxectivos a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria puxo en marcha as Xornadas comarcais de orientación, nas que tanto persoal técnico como docentes se achegan a diferentes vilas de toda Galicia dando a coñecer os tres campus da institución académica. 

O programa botou a andar o martes en Viveiro, para os institutos da Mariña occidental e hoxe venres tivo unha sesión en Vilagarcía para os centros do Salnés, con máis de 300 participantes, entre estudantes e persoal docente e orientador. A finalidade é achegar a Universidade de Vigo a todos os puntos posibles de Galicia, para o que se elixiron as principais cabezas de comarca facendo un chamamento aos institutos de educación secundaria da zona para participar. Nesta xornadas, o persoal da UVigo facilita información ás persoas asistentes sobre as probas de acceso, as ABAU, o proceso de admisión no sistema universitario, a oferta académica dos tres campus, as instalacións coas que conta a Universidade, os servizos e a vida académica, dende actividades culturais e deportivas, a aloxamento, bolsas, transporte e comedores. Como explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, este é un bo xeito de “darnos a coñecer”, porque segundo engade, o estudantado de secundaria coñece a Universidade de Vigo, “pero non coñece a oferta concreta que temos”. En canto ao persoal orientador, que si dominan a oferta, nestas sesións reciben información sobre novidades das ABAU, novos títulos e todos os servizos que ofrece a institución. Por outro banda, remarca a vicerreitora, “nós tamén temos un feedback e podemos coñecer que agardan, queren, coñecen ou necesitan os futuros estudantes universitarios para tomar decisión ao respecto”.

1500 persoas inscritas

Estas xornada comarcais tiveron as súas primeiras sesións o curso pasado, en concreto, a comezos deste 2019 en Verín e Ponteareas. Segundo Natalia Caparrini, a experiencia foi “moi positiva”, con moi boa acollida polos institutos da contorna, “que acudiron maioritariamente”. O programa para este curso comprende un total de oito xornadas, concentradas nestas próximas semanas, xa que como engade a vicerreitora “máis adiante os institutos teñen uns horarios moi axustados e moi pouco tempo, sobre todo no bacharelato, que é a quen están orientadas”. En total, e sen pechar os prazos de inscrición, a Vicerreitoría conta xo cunhas 1500 persoas inscritas. 

En próximas datas as xornadas desenvolveranse en Ribeira para o Barbanza o día 12; en Cangas para O Morrazo o día 14; en Lalín para a comarca do Deza o 19; en Tui para os centros do Baixo Miño o vindeiro día 20; no Barco para Valdeorras o 26 e, finalmente, no Carballiño o día 3 de decembro. 

Outras iniciativas para a captación de alumnado

Estas xornadas de orientación comarcais son tan só unha das propostas da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria na procura de dar a coñecer a institución e chegar ao potencial futuro alumnado. Así, ao longo do curso tamén están programadas outras actividades, como as xornadas de portas abertas dirixidas a familias e estudantes, que se celebrarán no mes de xuño nos tres campus. Tamén se están a organizar visitas guiadas aos campus para o alumnado de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos, nas datas que os centros as soliciten, así como obradoiros de asesoramento a equipos de orientación e equipos directivos de centros, que se desenvolverán no mes de xaneiro. Outra opción son nas charlas de orientación, tanto xerais como específicas, nas que persoal técnico, docente e estudantes dos últimos cursos se achegan aos institutos para dar a coñecer a oferta formativa e os servizos da Universidade de Vigo, así como os procesos de acceso. Tamén as asociacións de nais e pais e as familias poden solicitar ao longo do curso a celebración dunha destas sesións informativas nos centros.