DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor Manuel Reigosa e a presidenta provincial Carmela Silva asinaron un protocolo este mércores

Universidade e Deputación continuarán traballando conxuntamente nos próximos catros anos a prol do desenvolvemento social e económico da provincia

Para 2023 está previsto o investimento de 350.000 euros en diferentes actividades e proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 16/11/2022

No ano 2015 a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra asinaban por primeira vez un protocolo de colaboración de catro anos de duración, prorrogable a outros catro anos. Pasado ese período, ambas institucións renovaron este mércores a súa cooperación coa sinatura dun novo marco de colaboración que instrumente e regule as súas relacións nos próximos catro anos. A finalidade do acordo, rubricado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, é promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da provincia e da sociedade.

No acto de sinatura, celebrado na sede da Deputación en Vigo, a presidenta provincial explicou que este “protocolo é o marco de colaboración que vai permitir regular as relacións entre ambas institucións e que se irán materializando a través de convenios específicos que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia". O reitor, pola súa banda, agradeceu a colaboración da Deputación que “nos vai permitir ir máis lonxe e traballar máis arreo”, coa vista posta, “como unha universidade pública e de calidade”, en cumprir coa obriga de “devolverlle á sociedade aquilo que recibe”. Neste sentido, Reigosa destacou que a UVigo “quere ser un actor máis dos que están chamados a formar parte do futuro e dunha sociedade mellor, máis igualitaria, xusta e tamén próspera”. 

Ademais, Reigosa comprometeuse a poñer o coñecemento e capacidades que xera a UVigo a disposición das empresas e do conxunto da cidadanía e fixo fincapé no reto de incorporar plenamente ás mulleres ao mundo tecnolóxico, fomentando os mecanismos STEAM para que “as mulleres non se queden atrás, porque se perdemos o 51% da poboación, perdemos moito como sociedade”.

Ao acto asistiron tamén as vicerreitoras de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, que agradeceron a colaboración da Deputación e “a facilidade coa que se negociou este novo protocolo”, como sinalaba Caparrini, que vai permitir “realizar multitude de actividades que van repercutir no ben da Universidade e da sociedade”, en palabras de Lantarón. 

350.000 euros para 2023

A presidenta da Deputación avanzou que o protocolo asinado este mércores é “moito máis ambicioso” que o anterior, “porque contempla moitísima máis capacidade de actuación en moitos eidos que consideramos fundamentais”, como a especialización dos campus, a captación de fondos europeos ou a formación e capacitación do persoal do mudo local na consecución  dos obxectivos da Axenda 2030. O protocolo terá concreción xa no 2023 coa sinatura de varios convenios aos que se destinarán 350.000€ en eidos como “igualdade, mobilidade do alumnado, investigación, formación sobre captación de fondos europeos e impulso aos campus de especialización de Vigo e Pontevedra". Ademais, Silva avanzou que servirán tamén para darlle continuidade a proxectos como a Cátedra Feminismos 4.0, a participación da Deputación na feira A ciencia que vén ten nome de muller ou o proxecto InspiraSTEAM. 

Eidos de actuación: I+D+i, captación de fondos, emprendemento, igualdade...

O que se busca coa renovación deste convenio é contribuír ao desenvolvemento social e económico da provincia. Entre os diferentes eidos de colaboración, o acordo comprende o impulso da especialización dos campus da UVigo na provincia de Pontevedra, o Campus CREA S2i (Social and Sustainable Innovation) e o Vigo Tecnolóxico, a través do desenvolvemento dos seus plans estratéxicos e proxectos singulares. Tamén se establece como eido de actuación a captación e xestión de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos conxuntos de interese da provincia, así como na información e capacitación do persoal técnico das entidades locais da provincia para unha xestión eficaz e eficiente dos proxectos aliñada cos obxectivos da Axenda 2030. 

Por outra banda, este documento tamén servirá de base para o fomento de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en materias relativas ao equilibrio territorial, a protección e defensa do medio ambiente, a promoción e mellora da saúde, o desenvolvemento e a innovación turística, a protección do patrimonio histórico-artístico, así como calquera outra de interese conxunto que contribúa ao desenvolvemento económico, social, tecnolóxico e cultural da provincia de Pontevedra.

No marco deste convenio tamén se poderán realizar todo tipo de actividades académicas, como cursos, conferencias, simposios ou seminarios que favorezan a formación continua do persoal da institución provincial e dos concellos, así como fomentar o impulso do emprego e emprendemento xuvenil na provincia de Pontevedra. Outros eidos de actuación serán as actividades de captación do estudantado con mellor traxectoria académica para que continúe a súa formación na UVigo e as accións conxuntas para a divulgación, visibilización e fomento das vocacións femininas nas carreiras STEAM, así como a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade e da loita contra as violencia.

Ademais, este novo acordo tamén dará cobertura á promoción da mobilidade de estudantes e de persoal docente a nivel internacional, a facilitar a xestión do aloxamento do estudantado da UVigo a través do impulso das residencias universitarias e a bolsa de pisos ou á colaboración de persoal experto da UVigo co organismo provincial en todos os temas de interese desta entidade relativos ao equilibrio territorial, ao medio, ao turismo, ao patrimonio, etc.

Balance positivo dos primeiros sete anos

Silva amosouse “absolutamente satisfeita” cos primeiros sete anos de traballo coa Universidade de Vigo, “non só por todos os proxectos que desenvolvemos, senón porque esta relación nos ten permitido tomar decisións intelixentes na xestión de moitas áreas nas que temos competencias na administración provincial”. Iniciar esta colaboración foi, en palabras da presidenta, “das cousas máis intelixentes que fixemos na Deputación de Pontevedra, entender que hai que abrir as portas e as ventás para que entre o coñecemento” e, ao mesmo tempo, permitir que “a Universidade se achegue á cidadanía e ao territorio e sexa unha Universidade aberta e moi pegada á realidade na que desenvolve a súa actividade”.