DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución provincial destina 39.000 euros á realización de cinco estudos

Universidade e Deputación impulsan investigacións centradas na realidade da provincia e no seu desenvolvemento

A través dunha convocatoria dirixida ao persoal investigador dos campus de Pontevedra e Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/06/2025

Ao abeiro dun convenio de colaboración, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra impulsan un programa de axudas dirixido a apoiar investigacións que contribúan o desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, que estean centradas no ámbito do medio ambiente. Financiada con 39.000 euros pola institución provincial, esta liña de axudas busca así mesmo promover estudos conectados co proxecto de especialización Campus Crea e contribuír a que o persoal investigador máis novo poida pór en marcha proxectos de investigación.

En total, outorgaranse cinco axudas de 7800 euros, para o desenvolvemento de estudos relacionados “cos ámbitos socioeconómicos máis propios” de Pontevedra, así como aqueles outros nos que “se xustifique adecuadamente a súa relación coa provincia”, segundo recolle a convocatoria publicada pola Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación. Trátase dunha convocatoria dirixida ao persoal investigador dos campus de Pontevedra e Vigo, que dispoñen de prazo ata o 30 de xuño para presentar as súas propostas. 

Apoio aos novos investigadores e investigadoras

Este programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras pretende tamén “ser unha vía” para que o persoal investigador “máis novo e os que teñan máis dificultades para acudir a outras convocatorias” poidan pór en marcha as súas iniciativas. Nese senso, a convocatoria recolle que as e os responsables dos proxectos deberán ser persoal cunha relación contractual laboral, non funcionarial, a tempo completo, que non tivera sido previamente investigador principal en ningún outro proxecto de carácter competitivo, de ámbito local, autonómico, estatal ou europeo e que non estea contratado con cargo a un proxecto de I+D. Tanto a persoa responsable do proxecto como as e os integrantes do equipo investigador deberán así mesmo desenvolver o seu labor nos campus de Pontevedra ou Vigo.

Este programa busca así mesmo “contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia”, o que motiva que na definición dos proxectos seleccionados vaia terse en consideración “o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas”. Do mesmo xeito, esta convocatoria busca tamén “potenciar na medida do posible” a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros e ámbitos de coñecemento.