A través dunha convocatoria de axudas, que se atopa en fase de resolución
Universidade e Deputación impulsan a organización de actividades innovadoras por parte das asociacións estudantís
Dirixidas a apoiar a organización ou participación en eventos de carácter nacional ou internacional
Apoiar a participación ou organización de foros, competicións, retos, congresos ou eventos de carácter nacional ou internacional por parte das asociacións estudantís é o obxectivo da convocatoria de axudas promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. A través desta iniciativa, que se atopa en fase de resolución, as dúas institucións buscan fomentar o talento estudantil, a innovación e a proxección externa da actividade universitaria.
Como recolle a convocatoria da Vicerreitoría do Estudantado e Empregabilidade, as asociacións estudantís constitúen “un espazo fundamental de participación, innovación e aprendizaxe práctica”, que contribúe ao “desenvolvemento de competencias transversais e á proxección externa da Universidade de Vigo, a través da súa participación en competicións, congresos e eventos de ámbito universitario, nacional ou internacional”. Nesa mesma liña, a Deputación de Pontevedra, que destina 20.000 euros a esta convocatoria, destaca que estas axudas “responden á necesidade de fortalecer un ecosistema asociativo innovador, conectado coa súa contorna e con capacidade de transformación”.
Esta convocatoria atópase actualmente en fase de resolución e contempla destinar axudas dunha contía máxima de 4000 euros a asociacións estudantís censadas na UVigo. Nela fíxase un límite orzamentario de 26.000 euros para estas axudas. Destes, 18.000 destinaranse a asociacións dos campus de Vigo e Pontevedra, grazas ao financiamento achegado pola Deputación, que contribúe tamén aos gastos derivados da xestión desta iniciativa. Por outra banda, outros 8000 euros están dirixidos ás asociacións do campus de Ourense, financiados neste caso con fondos propios da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Entre as iniciativas subvencionables atópanse a organización ou participación en foros, competicións tecnolóxicas, científicas e de desenvolvemento profesional, en retos de innovación, congresos estudantís ou certames académicos, encontros, feiras ou eventos nacionais e internacionais.
Desde a Deputación sinalan que esta liña de colaboración implica “investir no capital humano da provincia” e impulsar a participación da mocidade “en actividades que poden supoñer captar novos investimentos e situar ao alumnado da Universidade no radar de empresas e entidades”.
