DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartidos por persoal do Centro de Linguas, arrancarán en Vigo no mes de maio

Universidade e Deputación lanzan a sexta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes

A Deputación ofrece esta formación de balde para que poidan examinarse e obter a nacionalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 24/03/2022

A Universidade e a Deputación de Pontevedra volverán colaborar un ano máis na posta en marcha da que será a sexta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, tres accións formativas que se levarán a cabo en Vigo e Pontevedra e que facilitarán que 55 persoas non hispanofalantes preparen e poidan superar a proba DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira) A2, un requisito indispensable para que poidan acadar posteriormente a nacionalidade española. O persoal do Centro de Linguas da Universidade será o encargado de impartir a formación e o custo da formación, incluída a matrícula no exame, corre a cargo do organismo provincial.

Impartiranse en total tres cursos que terán unha duración de 40 horas de duración. Comezarán en Vigo, coa acción que se desenvolverá do 18 de maio ao 3 de xuño, de 9.30 a 12.30 horas, cun total de 20 prazas. Posteriormente, do 5 ao 30 de setembro celebraranse as dúas restantes actividades formativas en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas respectivamente, e en horario de 15 a 17.30 horas. O prazo de inscricións abrirase proximamente e será anunciado a través do Boletín Oficial da Provincia

Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación administrativa regular. Unha vez finalizadas as accións formativas, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, na convocatoria de setembro para quen realice o primeiro curso de maio e en novembro no caso dos e das estudantes que o fagan nos outros dous cursos de setembro.  

En 2021 rexistráronse 128 solicitudes de 21 nacionalidades

As clases, ao igual que nos dous últimos anos, desenvolveranse cun estrito protocolo anti covid e, en caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias sanitarias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto. A maiores, como novidade, tamén se valorará de maneira individual a realización do curso en remoto polo alumnado que o precise cando xustifique documentalmente a imposibilidade de asistir, por motivos laborais, sempre e cando presente en forma e prazo as tarefas asignadas polo profesorado, conte con medios propios para realizalas e valoración favorable  da súa persoa docente. 

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes cursos de español no ano 2017 co obxectivo de facilitarlles ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.  Nas cinco edicións anteriores houbo un total de 290  participantes e, como exemplo da súa enorme demanda, cómpre dicir que no pasado 2021 recibíronse 128 solicitudes de persoas de 21 nacionalidades para as 55 prazas existentes.  Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a  maioría procedente de Marrocos (con 11 persoas), Brasil (11) e Senegal (6).