DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio de colaboración asinado entre as dúas institucións

Universidade e Deputación de Ourense colaborarán na posta en marcha dun laboratorio de experimentación e prototipado

A iniciativa enmárcase no proxecto de cooperación transfronteiriza NOVA TFE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 31/03/2022

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense veñen de asinar un convenio de colaboración para a posta en marcha dun laboratorio de experimentación e prototipado na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. A iniciativa forma parte do proxecto NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) do que as dúas institucións son socias.  

O convenio foi asinado por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense. “Estes equipos que nos achega a Deputación van permitir alcanzar niveis máis altos de calidade no campus”, destacou Manuel Reigosa trala sinatura. Agradecido por esta colaboración, o reitor dixo que a  iniciativa consolidará o proceso de crecemento dos estudos de Enxeñaría Informática, lembrando como “o ano que vén imos ter o primeiro curso e o Mestrado de Intelixencia Artificial, que vai ser un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia, tanto a nivel de profesorado como de alumnado, ademais de desenvolver mellor o noso labor docente, investigador e de transferencia”.

Pola súa banda, Manuel Baltar afirmou que este novo convenio de colaboración “reforza a alianza que sempre mantivemos coa Universidade de Vigo, estando ao carón do noso campus que é o mesmo que dicir ao carón do talento”. O presidente provincial felicitouse por un acordo que permite demostrar “a nosa especial habilidade para captar fondos europeos”, engadindo que co equipamento que se vai ceder á Escola Superior de Enxeñería Informática “estamos seguros de que no futuro se fortalecerán os bos resultados que estamos acostumados a conseguir durante estes anos”.

O acordo asinado ten como finalidade a cesión por parte da Deputación de Ourense á UVigo de equipos para a instalación dun laboratorio de experimentación e prototipado, vinculados ao proxecto NOVA TFE. Concretamente, o equipamento correspóndese con tres aspectos a cubrir nese proxecto: un laboratorio de fabricación e robótica; kits de desenvolvemento smart lab e a posta en marcha dunha plataforma smart city.

Proxecto de cooperación transfronteiriza

NOVA TFE é un proxecto de cooperación transfronteiriza do Programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 que conta con financiamento Feder, fondos europeos de desenvolvemento rexional. Nel participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal).

O obxectivo principal deste proxecto é, tal e como recolle o convenio, potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nos procesos de innovación nas actividades de I+D+I máis achegadas ao mercado. O proxecto facilitará que a investigación aplicada relacionada coa Internet das cousas (especialmente smart cities) e a fabricación avanzada, sexan trasladadas ás pemes (menos urbanas) dos sectores máis relevantes do espazo transfronteirizo, involucrando directamente ao seu persoal en redes de intercambio e nos laboratorios de experimentación e prototipado. O desenvolvemento de redes pretende facilitar o acceso das pemes aos procesos de innovación e o traballo centrado en laboratorios de experimentación e prototipado pretende achegar os produtos desenvolvidos aos mercados reais. Por último, a cooperación transfronteiriza quere enriquecer a transferencia tecnolóxica (ao incluír centros de investigación de ambos países) e permitir o acceso a un mercado máis amplo.

Alianza Deputación-UVigo

Este convenio súmase ao marco de colaboración xa existente entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que teñen unha liña de colaboración anual na que a institución provincial financia actividades no campus de Ourense. Un compromiso ampliado a semana pasada coa sinatura dun novo convenio polo que a Deputación tamén se implicará na promoción e fomento das actuacións relativas aos estudos universitarios no campus, con especial referencia aos estudos do Grao de Turismo, a través de bolsas de estudo e unha campaña de publicidade para atraer alumnado.