DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través das actividades impulsadas ao abeiro da nova Cátedra Deporte e Saúde

Universidade e Deputación de Pontevedra alíanse para “eliminar a fenda de investigación” sobre lesións deportivas en mulleres

Con iniciativas como un congreso internacional e un estudo con deportistas do CGTD 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Igualdade
  • Investigación
  • Reitor
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/09/2025

“As diferencias anatómicas, hormonais e biomecánicas” entre homes e mulleres “inflúen na incidencia e no tipo de lesións” que padecen as e os deportistas, subliña a profesora da Facultade de Fisioterapia Rocío Abalo, coordinadora da nova Cátedra Deporte e Saúde, impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Esta cátedra nace co obxectivo de “eliminar a fenda de investigación” existente en materia de deporte e lesións, ata o de agora centrada maioritariamente nos “corpos masculinos” e nela insírense unha serie de actividades que terán lugar nos próximos meses como o Congreso Internacional de Fisioterapia no Deporte Feminino ou un estudo que analizará a influencia de parámetros metabólicos e de adestramento na aparición de lesións e no proceso de recuperación das deportistas.

A sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolleu este luns a presentación das actividades da cátedra que Universidade e Deputación impulsan ao abeiro dun convenio de colaboración e á que a institución provincial destina 50.000 euros. Estas abranguen tanto o congreso que terá lugar o 13 e 14 de novembro e a investigación que se desenvolverá con deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), como a mesa redonda Deporte e lesións: diferentes perspectivas, que terá lugar este venres 26 de setembro. 

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o presidente da Deputación, Luis López; o vicepresidente da institución provincial, Rafael Domínguez, participaron, xunto a Abalo, na presentación “dunha serie de actividades que teñen que ver co deporte e a saúde e que para nós sería posible desenvolver sen a axuda da Deputación”, salientou o reitor. Reigosa incidiu nese senso na importancia desta colaboración coa institución provincial, xa que estas actividades “permiten fortalecer o noso campus, xa de por si, un campus moi importante”. Nesa mesma liña, López valorou estas actividades como “un paso máis nese camiño” de facer de Pontevedra “a provincia do deporte”, desta volta “no ámbito do coñecemento”. O presidente da Deputación enxalzou a “alianza” coa UVigo, unha institución “que é unha referencia a nivel mundial en investigación en distintas áreas”, entres as que se atopa o deporte, polo que constitúe “un socio indispensable para fomentar o deporte e os hábitos de vida saudables”, obxectivo central dunha cátedra, cuxas primeiras actividades foron presentadas nun acto que contou coa asistencia da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e da directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda.

Un congreso científico e divulgativo

“Esta cátedra ten como obxectivo a promoción do deporte dunha perspectiva saudable”, recalcou Abalo, quen puxo de relevo que neste eido “é moi importante a perspectiva de xénero”. Con esa idea, Universidade e Deputación impulsarán en novembro un congreso internacional “de carácter científico e divulgativo”, que poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual e que engloba un conxunto de conferencias abertas á cidadanía, ás que poderá asistirse de xeito gratuíto, previa inscrición. 

Este congreso busca eliminar esa fenda de xénero na investigación sobre lesións deportivas, reunindo especialistas de diferentes ámbitos, contribuíndo deste xeito “á equidade social e a optimizar o rendemento e o benestar das mulleres no deporte, desde unha base científica e respectuosa coas súas realidades fisiolóxicas, sociais e culturais”, subliñou Abalo. Con ese propósito, o congreso abrirase o xoves 13 de novembro cun relatorio do investigador da Universidad de Valladolid Diego Fernández sobre os “factores biolóxicos e xenéticos na predisposición a lesións musculares en mulleres”, mentres que o investigador da UVigo Santiago López Roel afondará na “importancia da saúde mental no deporte feminino”, tamén nesa primeira xornada, na que a fisioterapeuta e tamén investigadora da UVigo Ana Gil impartirá o relatorio Presupostación corporal. Unha clave na dor do deportista amateur, unha cuestión de sexo?

Xa o venres, o investigador da Universidade de Lisboa Augusto Gil Pascoal falará do “exercicio de recuperación na función abdominal no posparto” e a súas implicacións en mulleres deportistas, mentres que a especialista en medicina deportiva Cristina Salazar impartirá un relatorio titulado O novo estándar de adestramento feminino: ciclo menstrual e menopausa. Por último, o investigador da Universidade da Coruña Carlos Lalín presentará unha conferencia sobre “criterios metodolóxicos para o deseño de exercicio durante o proceso de reeducación funcional e deportiva no fútbol”.

O congreso completarase con mesas de presentación de comunicacións, permanecendo aberto ata o 5 de outubro o prazo de envío de traballos por parte dos investigadores e investigadoras que queiran dar a coñecer os seus estudos neste foro. 

Investigación no CGTD 

Outra das iniciativas presentadas nesta xornada é o estudo Lesións deportivas, influencia do adestramento en mulleres e parámetros metabólicos, no que participarán investigadores e investigadoras das facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte e que contará coa colaboración de especialistas das universidades de León e Valladolid. O seu obxectivo é avaliar a incidencia que diferentes parámetros metabólicos e do adestramento teñen tanto na aparición de lesións como no seu proceso de recuperación. Concretamente, explicou Abalo, o estudo buscará analizar os efectos dun “adestramento da musculatura respiratoria” en deportistas que adestran no CGTD, co obxectivo de avaliar a súa incidencia en diferentes parámetros. 

Como sinalou a investigadora do grupo FS1, investigacións previas teñen amosado que este tipo de adestramento produce “melloras en parámetros hematolóxicos e bioquímicos” das deportistas, á vez que nos niveis de forza, “na musculatura inspiratoria, na función pulmonar, na capacidade de exercicio, na fatiga e na calidade de vida”. Nese senso, o obxectivo do equipo investigador é “tratar de conseguir a maior mostra posible” para as análises que levarán a cabo nos próximos meses, de tal xeito que os resultados da investigación contribúan “a diminuír a aparición de lesións”, á súa prevención e a unha “mellor recuperación”, así como ao propio rendemento das deportistas.

Unha conversa sobre deporte e lesións

A primeira das actividades impulsadas no marco desta nova cátedra será a mesa redonda que terá lugar este venres 26 e na que “exdeportistas de diferentes disciplinas contarannos como afrontaron durante a súa traxectoria padecer algunha lesión”, co obxectivo de que as súas vivencias poidan servir de axuda tanto a deportistas como á poboación en xeral. Este coloquio contará coa participación da seleccionadora nacional de natación artística, Andrea Fuentes, medallista olímpica e mundial; do cinco veces campión do mundo de triatlón e tamén medallista olímpico Javier Gómez Noya; da nadadora de salvamento e medallista mundial Antía García, e da directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, sete veces campioa de España de squash. A conversa terá como moderadora á experta en actividade física e divulgadora científica Sara Tabares, recoñecida en 2021 co Premio Concha García Campoy.

Programado para as 19.30 horas, trátase dun coloquio aberto a toda a cidadanía, que conta con entrada gratuíta, previa inscrición. Inicialmente programada para a Casa das Campás, esta actividade supera a día de hoxe as 80 inscricións, o que motiva o seu traslado ao salón de actos da Facultade de Belas Artes.