DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo reitor e o vicerreitor de campus reuníronse coa presidenta da institución provincial

Universidade e Deputación reafirman o seu traballo conxunto para “mellorar a vida das persoas”

Reigosa apuntou como reto de futuro estudar unha nova titulación para o campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/06/2018

Na súa segunda semana á fronte da institución académica, o novo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantivo a súa primeira reunión institucional coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na que ambos reafirmaron a súa vontade de continuar na liña de colaboración e traballo conxunto fixada no protocolo de colaboración asinado en decembro de 2015. Acompañado polo novo vicerreitor de campus, Jorge Soto, Reigosa explicou que esta primeira visita a unha institución “que ten traballado moito coa nosa Universidade, dando moi bos froitos”, serviu tamén para abordar puntos concretos deste protocolo co propósito de “seguir avanzando na mesma liña, con transparencia e coñecemento mutuo das dúas administracións, en todo aquilo que sirva para mellorar a vidas das persoas”.

Cunha vixencia de catro anos, este acordo marco establecía unha serie de áreas de colaboración entre Universidade e Deputación, que permiten á institución provincial contar con “estudos científicos que nos permiten logo tomar decisións intelixentes”, como explicou Silva, quen anunciou a inmediata convocatoria da comisión de seguimento deste protocolo, “para poder deseñar as accións de aquí a 2019”. A presidenta da institución provincial lembrou que neste acordo marco figuran ámbitos como a loita contra a violencia machista, unha lacra social que tanto Silva como Reigosa quixeron denunciar trala morte de tres mulleres nas últimas horas en España; ao igual que a compostaxe ou o impulso da mobilidade a través das axudas para estudantes que participan nos programas Erasmus+ dos campus de Vigo e Pontevedra. “Estivemos facendo un repaso de todas as cuestións que temos enriba da mesa”, concluíu Silva dunha xuntanza na que quixo tamén dar a benvida a Reigosa, que encabeza “un equipo moi potente e cheo de optimismo e alegría” que conta ademais, lembrou, “cun número importante de mulleres traballando para que a igualdade sexa un elemento diferenciador da Universidade de Vigo”.

Retos de futuro para o campus e a transferencia de Enfermaría

A preguntas das e dos xornalistas, Reigosa abordou tras esta xuntanza algúns dos obxectivos de futuro para o campus pontevedrés, respecto do que manifestou a súa vontade de traballar, unha vez “se abra de novo o mapa de titulacións” do Sistema Universitario de Galicia, para “poder atraer algunha titulación nova a Pontevedra que axude un pouco a pechar a especialización e estableza sinerxías entre as titulacións existentes”. Neste punto, o reitor lembrou o acordo alcanzado o pasado mes de outubro entre as tres universidades e a Xunta de Galicia para o período 2017-2021, no que está prevista a implantación na Universidade de Vigo dos graos de Enxeñaría Biomédica e Deseño e Creación. “En principio o mapa de titulacións está pechado, empezarase a debater de novo o ano que vén”, sinalou o reitor, quen lamentou que a futura creación do grao en Deseño en Creación vaia implicar unha redución nas prazas de novo ingreso no grao en Belas Artes, “pero así están as normas de xogo”. Non obstante, aínda que “ata 2021 non haberá titulacións novas”, máis aló das recollidas neste acordo, Reigosa defendeu a necesidade de “empezar a traballar xa tanto en espazos onde se poidan impartir como no seu deseño”, un proceso que, engadiu, debe partir dun “debate serio e sosegado” da comunidade universitaria. 

Por outra banda, o novo reitor incidiu tamén no seu obxectivo da promover un Consello de Campus “moi activo”, así como no seu propósito de que Pontevedra sexa un campus cos mesmos servizos que Vigo e Ourense. “Esperamos que ao final do mandato teñamos un campus de primeira división”, engadiu o novo reitor, quen amosou tamén a súa vontade de traballar para que a Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, un centro adscrito á Universidade dependente da Deputación, poida integrarse na institución académica. “Neste punto, lembrou que existen “dificultades de orde técnico” xa que a institución académica conta actualmente con catro escolas de enfermaría adscritas, pero reafirmou tamén que “é un obxectivo compartido que Enfermaría ten que estar na Universidade, porque somos os que temos as competencias”. Nesa mesma liña manifestouse Carmela Silva, quen lembrou que “no concepto estamos ao 100% de acordo, e agora temos que ver como se estrutura e se converte nunha realidade”.