DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e membros do equipo de goberno reuníronse coa presidenta da institución provincial

Universidade e Deputación renovarán a súa colaboración pondo o foco na captación de fondos europeos

A igualdade e a colaboración público-privada serán os outros eixos do novo protocolo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/07/2022

Explorar a captación de máis fondos europeos, continuar avanzando cara a igualdade real na sociedade e reforzar a colaboración público-privada, coa idea de que as transformacións sociais cheguen tamén ás empresas. Estes serán os “tres eixos fundamentais” do novo protocolo de colaboración que asinarán a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, segundo informou a institución provincial. Tras a súa reelección como reitor para os próximos catro anos, Manuel Reigosa mantivo este martes un encontro coa presidenta do ente provincial, Carmela Silva, na que fixeron balance do “pioneiro protocolo de colaboración” que ambas institucións asinaron en 2015, á vez que serviu tamén para “iniciar os contactos" para a preparación dun novo pacto que faga posible seguir “unindo forzas entre unha administración que ten un modelo moi claro para transformar a provincia e unha Universidade comprometida, que achega coñecemento”, segundo salientou Silva.

As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e a nova vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, participaron, xunto co deputado provincial Carlos López Font, nun encontro no que o reitor quixo agradecer á presidenta da institución provincial “a axuda e o traballo conxunto destes anos”, á vez que presentar “máis cousas para etapa que comezamos”. Nese senso, Reigosa sinalou que a deste martes era unha visita “obrigada” no inicio do novo mandato, tanto co obxectivo de pór de relevo a implicación desta administración coa Universidade, como no de “expresar os nosos anhelos e presentar cousas novas que pretendemos empurrar”. 

Balance do traballo feito

Tras a xuntanza, Carmela Silva valorou os froitos do “pioneiro protocolo de colaboración” que as dúas institucións asinaron en 2015 e que contemplaba o impulso dos proxectos de especialización Campus Crea, en Pontevedra, e Vigo Tecnolóxico a través de plans estratéxicos e proxectos singulares. Apostaba así mesmo, por explorar vías para “captar recursos internacionais, especialmente da Unión Europea, que permitan desenvolver proxectos de interese para a provincia”, como salientou Silva, así como a posta en marcha de programas de fomento da empregabilidade e o emprendemento xuvenil.

Tanto Silva como Reigosa coincidiron en sinalar como unha das accións destacadas xurdidas desta colaboración a posta en marcha da Cátedra Feminismos 4.0, “contra os redutos dixitais do machismo”, como destacou Reigosa. Presentada como un “exemplo de orixinalidade e de novidosa alerta sobre os novos machismos, aloxados no mundo dixital e nas redes sociais”, a presidenta da Deputación avogou por tratar de divulgar os fitos deste programa tanto en Galicia como no resto de España, “porque copiar o bo é intelixente”. Ao mesmo tempo, Silva tamén subliñou a “aposta moi visible” pola igualdade da UVigo, que definiu como “unha institución galega, internacional e igualitaria”, á vez que valorou tanto o feito de que o novo equipo de goberno conte cunha maioría de mulleres como a figura do propio reitor e a dirección que tomou a Universidade “cun discurso humano, nada tecnócrata”.  

Aposta polos fondos europeos

Segundo informou a Deputación, Silva tamén deu instrucións para iniciar os contactos de cara a preparación do novo acordo, no que “grupos de traballo específicos” encargaranse do seguimento dos seus tres eixos centrais; a aposta pola igualdade e o reforzo da colaboración público-privada e explorar vías de captación de fondos europeos. Con respecto a esta última, Silva afondou na estratexia que, ao seu xuízo, debe guiar a solicitude de fondos en convocatorias comunitarias. “Temos claro que queremos impulsar o coñecemento e a innovación, a transformación baseada no medio ambiente, a mobilidade amable e segura, a sostibilidade turística ao redor de hábitos saudables e dos espazos naturais, a atracción de eventos culturais e deportivos e, dende logo, a igualdade”, salientou. Así mesmo, a presidenta do ente provincial recalcou a necesidade de aproveitar os fondos da UE para pechar a “fenda dixital”, para materializar equipamentos e infraestruturas que contribúan á “loita conta o despoboamento” ou para “singularizar” o sector primario da provincia. Nesa liña, Reigosa recalcou que “o mundo mudou nos últimos dez anos e queda moito por facer”, apostando por promover a colaboración público-privada como “unha fórmula de éxito” e ofrecendo o apoio da UVigo á hora de “reforzar” as iniciativas da Deputación. “É imprescindible aproveitar este vento de cola”, salientou o reitor, que avogou porque Europa “apunte na dirección correcta” a través do impulso de “iniciativas en materia de dixitalización, igualdade e medio ambiente”.