DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables das dúas institucións reuníronse tras a decisión do Nodo GalicIA

Universidade e Deputación traballan na potenciación de "proxectos perfilados para seguir dinamizando Ourense"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 26/10/2022

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, reuníronse no Pazo Provincial para avanzar na folla de ruta a seguir despois de coñecer o luns que a cidade de A Coruña é a elixida polo Nodo GalicIA coma candidata autonómica a postularse a sede da Agencia Estatal de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA).

Despois do encontro mantido, o reitor explicou que "levamos bastante tempo traballando en diferentes alternativas, que nos permitan traer para Ourense iniciativas que poidan favorecer o territorio, atraendo talento a Ourense e fixar poboación. Unha dinámica de descentralización de órganos e centros de innovación expresada dende o goberno central e que eu conto con sumar o apoio da Xunta de Galicia". Manuel Reigosa subliñou que "aínda que nesta ocasión non puidemos facer valer a candidatura presentada pola Universidade de Vigo e Ourense -e que eu sigo pensando que é unha candidatura magnífica-, estamos a traballar arreo en novas iniciativas de descentralización que esperamos que sirvan para que Ourense conte proximamente con novidades que permitan potenciar a provincia con máis talento, máis oportunidades e máis emprego de calidade".

Sobre a decisión do Nodo GalicIA, o reitor sinalou que, "despois de elixir por criterios técnicos A Coruña como candidata galega para acoller a AESIA, a Universidade de Vigo vai apoiar e respaldar fortemente esta candidatura, intentando que chegue para Galicia porque isto sería bo para o país e, sen dúbida, bo para Ourense ao xerar unha serie de sinerxías que favorecerán a potenciación da IA en Galicia".

Posicionamento de Ourense

Pola súa banda, Manuel Baltar resumiu a motivación da reunión arredor de dous eixos. Por un lado, indicou, "avaliamos a decisión e o pronunciamento do Nodo GalicIA na xuntanza do luns -na que participou o propio reitor- e na que, baseándose en criterios técnicos, decidiuse elixir A Coruña". Neste punto, o presidente da Deputación expresou o apoio á candidatura coruñesa indicando que “agora toca facer votos para que a decisión do Goberno central sexa favorable para A Coruña. Porque isto sería unha boa nova para Galicia e, polo tanto, unha boa nova para Ourense". Ademais de remarcar sinerxías a desenvolver entre A Coruña e Ourense, a reunión no Pazo Provincial serviu para seguir avanzando nunha estratexia máis ampla, "de longo alcance", con outras tres posibles propostas a desenvolver para acoller na provincia un novo motor dinamizador "coa potencia e capacidade suficiente para permitir a Ourense seguir medrando", segundo sinalou Manuel Baltar.

"Dentro da nosa estratexia de posicionamento de Ourense", explicou o presidente da Deputación, "a AESIA era un dos proxectos principais que encaixarían nesta aposta. Despois de estudar polo miúdo a avaliación da candidatura de Ourense, continuamos a traballar para potenciar aínda máis as outras tres propostas coas que queremos seguir dinamizando o territorio". Nesta liña, o presidente da Deputación definiu as dinámicas de traballo que están enriba da mesa: "este goberno provincial leva tempo cooperando xunto á Universidade de Vigo e o propio campus noutras opcións para captar unha nova iniciativa dinamizadora para Ourense. Aínda non é o momento de explícitalo, pero esta reunión é unha nova mostra da coordinación na procura de froitos que perseguen a visibilidade do territorio, gañar en servizos e seguir sumando talento".