DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade destina 15.600 euros en premios para os concursos de creación artística

Nas modalidades de creación audiovisual, fotografía, música e pintura

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/02/2008

Creación Audiovisual, fotografía, maquetas de música e pintura. Estas son os catro concursos de creación artística para os que a Universidade destina 15.600 euros en premios. Ano tras ano, dende a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes convócanse estes concursos coa finalidade de promover entre a comunidade universitaria os diversos ámbitos da arte.
Entre os catro concursos repartiranse 15.600, dos cales 8500 € serán para a modalidade de creación audiovisual, 2000 € para a de fotografía, 1500 para a de pintura e 3600 € para o certame de maquetas de música. O prazo de presentación dos traballos para as catro categorías remata o vindeiro 27 de xuño e poden tomar parte os membros da comunidade universitaria, tanto estudantes, como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

VI Premio de Creación Audiovisual e V Certame de Fotografía

O concurso na modalidade de creación audiovisual chega neste 2008 á súa sexta edición, na que se poden presentar traballos con temática libre, sempre que sexan amateur e non teñan sido galardoados en ningún outro concurso.
No que se refire ao formato, o concurso comprende as modalidades de curta narrativa, documental, vídeo experimental, animación e vídeo publicitario. Neste último caso, a peza non pode conter referencias a ningunha marca comercial e ten que ser complementada cun briefing, unha estratexia e os obxectivos do proxecto, ao tempo que deben ser citadas as fontes de todo o material audiovisual empregado que non sexa de creación propia.
Os traballos, cunha duración máxima de 15 minutos, poderán presentarse en calquera soporte magnético, enviando sempre unha copia en DVD para o visionado do xurado. Os gañadores de cada unha das cinco modalidades de creación audiovisual, recibirán un premio de 1200 € e poderase outorgar tamén un accésit de 500 por categoría.
No que se refire á creación fotográfica, a quinta edición do certame da Universidade de Vigo comprende dúas categorías, a de fotografía única e a de serie, sendo nos dous casos a temática libre. Os traballos poden ser en cor ou branco e negro e as series poden comprender entre tres e cinco fotografías. O tamaño, en ambas categorías é libre, pero os traballos deben presentarse montados sobre cartón-pluma.
O premio para a mellor serie está dotado de 900 € e pode outorgarse tamén un accésit de 300 €. No caso da fotografía única, o premio son 600 € e o accésit 200 €.

VI premios de pintura e música

No que se refire ao VI Premio de Pintura, tanto a temática, como a técnica e o tamaño das obras é de libre elección, sempre que esta non exceda dos 150 cm. na maior das súas dimensións. Cada participante poderá presentar unha única obra orixinal, non galardoada noutro concurso e, xunto co premio de 1500 €, a obra pode ser seleccionada para facer unha ou varias exposicións no ámbito da Universidade de Vigo.
Finalmente, a sexta edición do concurso de maquetas conta con tres modalidades: folk, jazz e pop/rock. Poderán presentarse ao concurso aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñentes polo menos dous membros da mesma. Quedan fora deste certame os grupos que teñan editado algún traballo discográfico, agás no caso de que este sexa autoeditado. As maquetas deben ser presentadas en soporte CD cun mínimo de tres temas orixinais da modalidade na que concorran. En cada categoría outorgarase un premio de 1200 € e a Universidade resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas dos gañadores en cada modalidade, así como promover actuacións destes grupos nos tres campus.

Na páxina web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes pódense consultar as condicións, requisitos e prazos dos concursos.